O novo espazo Amizar da Coruña abrirá as portas antes do verán como un gran centro sanitario, administrativo e social co que a Xunta aforrará 750.000 euros ao ano en alugueiros

Vázquez Mourelle sinala que os traballos, case ao 40% de execución, consisten na rehabilitación da antiga delegación da Consellería de Sanidade para recuperala para a vida pública

Adianta que neste espazo de 5.800 metros de superficie se situará unha Oficina de Emprego, oficinas da Xunta e locais para organizacións sanitarias e sociais

Lembra que estas instalacións se completan co novo edificio do 061, que xa está en funcionamento tras o investimento autonómico de máis de 550.000 euros

Valeriano Martínez explica que este é un exemplo da estratexia da Xunta para aproveitar o patrimonio público galego e cancelar todos os alugueiros no posible

Salienta a concentración de todos os servizos nun novo espazo público de referencia que ofreza solucións ás necesidades dos coruñeses
 

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2021

O novo Espazo Amizar da Coruña abrirá as súas portas xusto antes do verán como un gran centro sanitario, administrativo e social no que a Xunta inviste máis de 7 millóns de euros e que permitirá aforrar 750.000 euros anuais en alugueiros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, supervisaron por videoconferencia o avance deste proxecto.

Vázquez Mourelle sinalou que as obras se atopan case ao 40% da súa execución e coa intensificación dos traballos se prevé que o conxunto poida estar completamente rematado nos vindeiros meses.

Trátase de recuperar para a vida pública, social e administrativa a antiga delegación da Consellería de Sanidade na cidade, case en desuso desde hai tempo.

O proxecto consiste na rehabilitación dun gran espazo administrativo composto por dous edificios, un con forma de prisma e cinco andares, e outro con forma ovalada e catro andares, conectados entre si nos diferentes niveis e cun patio interior moi luminoso.

Indicou que actualmente están practicamente rematadas as demolicións. Tanto a fachada coma os traballos de illamento e a tabiquería interior están moi avanzados no edificio óvalo e, a continuación, concentraranse no edificio que ten forma de prisma, ambos conectados entre si nos diferentes niveis e cun patio interior moi luminoso.

Concretou que hai uns 35 operarios traballando cada día e nas vindeiras semanas se incrementará o número de empregados co comezo dos revestimentos interiores no edificio óvalo, o máis avanzado.

Unha vez finalizadas as obras, a conselleira sinalou que a cidade disporá dunha nova gran área administrativa con 5.800 m² de superficie construída que se destinarán a ofrecer novos e mellores servizos desde este céntrico emprazamento.

Adiantou que no Novo Espazo Amizar se situará unha Oficina de Emprego, oficinas administrativas da Xunta que agora se atopan espalladas por outras zonas da cidade e locais para organizacións sanitarias e sociais sen ánimo de lucro.

Ademais disto, apuntou que estas instalacións se completan con outro edificio independente, situado na zona sur da parcela, que foi rehabilitado, tamén, co obxectivo de albergar a sede da Fundación Pública Emerxencias Sanitarias de Galicia 061.

Cómpre lembrar que as obras do novo edificio do 061, executadas tamén pola Axencia Galega de Infraestruturas, supuxeron un investimento da Xunta de máis de 550.000 euros e están completamente rematadas desde decembro e desde xa antes, desde o mes de setembro, en funcionamento.

Tamén está prevista unha importante intervención de urbanización exterior, que configurará cunha praza común e unha pequena área de aparcamento.

A conselleira recordou que esta actuación forma parte do importante esforzo que está a realizar o Goberno galego por mellorar as infraestruturas e os servizos públicos nesta cidade, con proxectos como a estación intermodal ou o novo hospital público da Coruña.

Pola súa parte, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez sinalou que este é un exemplo singular da estratexia patrimonial que está desenvolvendo a Xunta en todas as cidades galegas dirixida a aproveitar o patrimonio público galego e cancelar todos os alugueiros que sexa posible.

Neste sentido, explicou que a rehabilitación da antiga sede da Consellería de Sanidade na Coruña porá en valor un patrimonio público ao servizo dos cidadáns, con novos usos sociais, de formación e de emprego. Esta actuación permite recuperar 5.800 metros cadrados de espazo público para mellorar a prestación de servizos; poñer en valor o patrimonio público e deixar de gastar cada ano uns 750.000 en alugueiros na cidade; e concentrar todos os servizos nun novo edifico moderno, cómodo e eficiente para convertelo nun espazo público de referencia onde a Xunta de Galicia ofreza solucións ás necesidades dos coruñeses.

Esta actuación da Xunta está cofinanciada con fondos europeos FEDER 2014/2020.
 

Imaxes relacionadas