A Xunta pon en valor cos sectores produtivos galegos as posibilidades que achega a futura Lei de reactivación

O director do Igape, Fernando Guldrís, mantivo esta mañá un encontro en liña con representantes de Ceaga, dentro da rolda de reunións que está a ter cos clústeres galegos para avaliar as novidades que introduce o texto

Un dos obxectivos da nova normativa é atraer investimentos empresariais apostando por unha administración máis áxil que dea resposta aos retos actuais

Destaca a importancia da cooperación entre os sectores público e privado para impulsar a transformación do tecido produtivo galego
 

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2021

O director do Igape, Fernando Guldrís, mantivo esta mañá unha reunión en liña con representantes do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) na que puxo en valor as novidades que inclúe a futura Lei de reactivación económica de Galicia para afrontar os novos retos económicos que debe afrontar a Comunidade. O encontro forma parte da rolda de reunións que distintos representantes da Administración autonómica están a ter cos sectores produtivos e institucións galegas para avaliar as diferentes medidas que contempla o texto, que se encontra actualmente en fase de tramitación no Parlamento de Galicia.

Así, o director do Igape xa mantivo encontros co Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), o Clúster TIC e o Clúster da Función Loxística de Galicia, e mañá reunirase coa Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega) para expoñer os principais obxectivos da lei, entre os que se atopa estimular a actividade económica atraendo novas iniciativas empresariais cara aos concellos, facilitando os investimentos e avanzando na simplificación administrativa a través de procedementos de tramitación máis áxiles que, á vez, acheguen as máximas garantías xurídicas, urbanísticas e medioambientais.

Guldrís apuntou que se estima que o prazo de tramitación dun proxecto se reducirá nun terzo. Coa nova lei aplicarase o silencio administrativo positivo e ampliaranse os supostos de iniciativas empresariais prioritarias e proxectos industriais estratéxicos. Establece tamén un réxime de licenzas exprés, que reducirá os prazos de licenza para iniciativas empresariais a un mes con carácter xeral e 15 días para supostos específicos, e inclúe unha emisión simultánea de todos os informes sectoriais competencia da Xunta.

Na xuntanza, o director do Igape tamén salientou a importancia da colaboración entre o Goberno galego, os concellos e o sector privado para captar novos proxectos empresariais e impulsar a modernización e adaptación tecnolóxica do tecido produtivo. Lembrou tamén o papel que as agrupacións empresarias están a desempeñar no impulso á transformación dixital e a presenza internacional das pemes, nun contexto no que é preciso utilizar todos os recursos dispoñibles para recuperar e dinamizar a actividade económica.