O conselleiro do Medio Rural participou na Conferencia Sectorial conxunta de Agricultura e Desenvolvemento Rural e de Pesca, que deu luz verde a este documento

Galicia participa do consenso xeral para a aprobación do Plan Nacional de Control Oficial da Cadea Alimentaria

Esta planificación é de obrigado cumprimento de acordo coa normativa comunitaria e nela participan as diferentes administracións públicas con competencias na materia, entre elas a Xunta de Galicia

Trátase de garantir o correcto seguimento e control oficial ao longo de toda a cadea alimentaria en España

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou hoxe por videoconferencia na reunión da Conferencia Sectorial conxunta de Agricultura e Desenvolvemento Rural e de Pesca. Neste encontro aprobouse o Plan Nacional de Control Oficial da Cadea Alimentaria (Pncoca) 2021-2025. Este é o documento que describe os sistemas de control oficial ao longo de toda a cadea alimentaria en España, desde a produción primaria ata os puntos de venda ao consumidor final.

O Plan é completo e integral, e describe as actuacións de control oficial das distintas administracións públicas españolas no ámbito das súas competencias, entre elas a Xunta de Galicia, que as exerce a través das consellerías de Sanidade, do Medio Rural e do Mar. A existencia desta planificación é obrigatoria en todos os Estados Membros da Unión Europea, consonte á normativa comunitaria.

Por parte de Medio Rural, a maioría dos controis oficiais corresponden á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (dez en total), mentres que os dous restantes son competencia da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

Así, no que atinxe á devandita dirección xeral, esta faise cargo dos plans nacionais de hixiene da produción primaria gandeira, de alimentación animal, de identificación e rexistro de bovinos, ovinos e cabrúns, de organismos, institutos e centros oficialmente autorizados pola normativa comunitaria, de centros de concentración autorizados de bovinos, ovinos, cabrúns, porcinos e equinos e dos tratantes autorizados.

A dirección xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentrias encárgase tamén dos programas relativos aos subprodutos de orixe animal non destinados ó consumo humano en establecementos e transporte (Sandachs), do benestar animal en explotacións gandeiras e no transporte animal, da sanidade vexetal, da calidade alimentaria e da hixiene da produción primaria agrícola e do uso dos produtos fitosanitarios.

Competencias da Agacal

Pola súa banda, a Agacal ten competencia sobre dous programas: o relativo ao control das producións amparadas por marcas de calidade diferenciada, tales como as denominacións de orixe ou as indicacións xeográficas protexidas, antes da comercialización, e o do control da produción ecolóxica. Os documentos aprobados hoxe no seo da Conferencia Sectorial son o resultado do consenso obtido nos debates das mesas técnicas de coordinación.

Imaxes relacionadas