A Xunta reforza as medidas de atención e axudas destinadas ás vítimas de violencia de xénero durante o estado de alarma

A Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, mantiveron hoxe un encontro telemático coas representantes dos dez Centros de Información á Muller da área territorial de Vigo

Fernández -Tapias sinala que para reforzar a funcionalidade destes centros e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles, a Xunta destinou a este programa na comarca viguesa 399.000 euros o pasado ano
 

Vigo, 15 de febreiro de 2021

A Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantiveron hoxe unha reunión por videoconferencia coas representantes dos dez Centros de Información á Muller (CIM) da área territorial de Vigo. Unha xuntanza que serviu para informalas das axudas e os recursos que a Administración autonómica pon a súa disposición e na ambas as dúas tiveron oportunidade de coñecer de primeira man as súas achegas e necesidades.

O Goberno galego segue mantendo todas as axudas e recursos do seu orzamento para atender ás vítimas de violencia de xénero, entre as que se inclúen as prestacións económicas, o asesoramento psicolóxico, de asistencia social e xurídica dos CIM e, no seu caso, o funcionamento das casas de acollida. A este respecto, a delegada territorial sinalou que, co obxectivo de reforzar a funcionalidade destes centros e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles, a Xunta destinou a este programa na comarca viguesa 399.000 euros o pasado ano.

Outro dos asuntos trasladados na xuntanza foi o feito de que o Goberno galego está a traballar no reforzo e reconfiguración dos programas de conciliación da vida laboral e familiar, apoiados pola Xunta, e que adquiren un papel esencial durante os próximos meses. O Goberno galego estuda fórmulas, en colaboración cos concellos, para seguir prestando estes apoios.

Neste senso, cómpre lembrar que os dez CIM da área territorial de Vigo (Baiona, Cangas, Moaña, Gondomar, Mos, Nigrán, Soutomaior, Redondela, O Porriño e Vigo) participaron no Plan de reforzo de atención ás vítimas de violencia de xénero posto en marcha pola Secretaría Xeral de Igualdade para garantir todos os recursos de acollida a aquelas mulleres que os precisen durante a vixencia do Estado de Alarma.

Así, López Abella e Fernández-Tapias incidiron que tralo decreto do Estado de Alarma e o confinamento, unha das principais preocupacións do Goberno galego foi o aumento de risco para as mulleres vítimas de violencia de xénero, sobre todo para aquelas que conviven co seu agresor, por iso subliñaron “o servizo e apoio ofrecido polos CIM é fundamental. “Ante a pandemia de coronavirus, todos os centros están funcionando, prestando atención vía telefónica e telemática e, mesmo, ofrecendo atención presencial naqueles casos de maior gravidade”, explicaron.

Ademais, mantéñense totalmente operativos os centros de acollida ata completar capacidade e tamén se acordou reforzar a colaboración coa Rede galega contra a trata para atender situacións de especial vulnerabilidade causadas pola crise do coronavirus.
O Plan de reforzo vixente inclúe, ademais, entre outras medidas, a ampliación do bono alugueiro social para vítimas de violencia de xénero, ata poder chegar a asumir a Xunta o pagamento do 100% do alugueiro, para paliar o impacto económico que o estado de alarma poida ter sobre as vítimas.

Tamén continúa activo servizo de atención telefónica 24 horas a mulleres vítimas de violencia de xénero (900400273), que recibe tamén as chamadas procedentes de Galicia que entran a través do 016. Ademais, opera con normalidade o asesoramento xurídico en liña e seguen operativas as terapias de apoio psicolóxico, tanto en atención presencial como a través de sesións telemáticas ou telefónicas, ao igual que o contacto coas vítimas de violencia sexual.
 

Imaxes relacionadas