A Xunta licita as obras para construír un punto de encontro familiar en Ribeira, que contarán cun investimento de 156.000 euros

Será o primeiro centro de Galicia destas características fóra das sete cidades

Recibirá outros 150.000 euros anuais para os gastos de mantemento

Permitirá que as nais e pais separados ou en trámites de separación do Barbanza realicen as visitas que lles corresponden dun xeito seguro

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2021

A Xunta sacou hoxe a licitación as obras para a construción do Punto de Encontro Familiar (PEF) de Ribeira, que contarán cun investimento de 156.000 euros, aos que hai que engadir outros máis de 150.000 euros anuais para o seu mantemento. Este punto permitirá que as nais e pais separados ou en trámites de separación do Barbanza realicen as visitas que lles corresponden dun xeito seguro.

Este procedemento determina os requisitos técnicos que deberán reunir as empresas interesadas, que deberán presentar a súa solicitude para facerse cargo dos traballos. O prazo de execución dos mesmos é de catro meses, polo que se estima que o centro estea listo para a súa apertura no último cuadrimestre do ano.

Será un servizo destinado a atender ás veciñas e veciños de toda a comarca, que agora se teñen que trasladar a Santiago para realizar estas visitas. O Concello de Ribeira converterase deste xeito no primeiro de Galicia en contar cun Punto de Encontro Familiar fóra das sete cidades. O Goberno galego ampliou nos pasados meses o horario de todos estes centros de cinco a sete días á semana para poder cumprir coas medidas xudiciais e atender os protocolos de prevención fronte á covid-19.