A Xunta permite a presentación de declaracións responsables de aproveitamentos madeireiros de uso doméstico a través do teléfono 012

Esta nova posibilidade facilita a presentación destas declaracións responsables ás persoas con dificultades para acceder á Sede Electrónica da Xunta

Pódense presentar declaracións responsables para os aproveitamentos de uso doméstico -sen aproveitamento comercial e de menos de 10 m3 anuais- que non teñan afeccións de protección

Esta actuación forma parte da Estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) están a desenvolver

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2021

A Consellería do Medio Rural xunto coa Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen de poñer en marcha a nova prestación do servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012, mediante o cal os cidadáns poden presentar a necesaria declaración responsable de aproveitamentos madeireiros para uso doméstico de forma telefónica.

Deste xeito, aquelas persoas que por diversos motivos teñen dificultades para realizar o trámite a través da Sede Electrónica da Xunta, poden presentalo a través deste teléfono. Este servizo soamente está dispoñible para aquelas cortas de madeira cuxo destino sexa o uso doméstico -frecuentemente para leñas- e que non vaian ser obxecto de comercialización.

Neste senso, os axentes do 012 comproban que as parcelas onde se vai realizar a corta non teñan afeccións sectoriais ou de protección do dominio público, xa que nese caso debe tramitarse unha solicitude de autorización polo procedemento ordinario.

As persoas interesadas deberán dispoñer da información básica do aproveitamento -especies, número de árbores, peso ou volume aproximado e referencia catastral da parcela- no momento da chamada, e serán guiadas ata a completa presentación da súa declaración responsable, cubríndose os mesmos datos que no procedemento da Sede Electrónica.

Este procedemento debe conxugar as facilidades para o cidadán coa necesaria seguridade xurídica, polo que as chamadas serán gravadas e comprobarase a identidade da persoa a través dos datos do seu DNI. Unha vez presentada a declaración responsable, esta incorpórase inmediatamente ás aplicacións de xestión de aproveitamentos madeireiros que emprega a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal para a inspección e control dos mesmos. De xeito paralelo, o expediente é remitido á Carpeta Cidadá da persoa interesada, polo que no caso de que acceda á Sede Electrónica cun certificado dixital ou Chave365 poderá ver e descargar o documento xustificativo da presentación.

Unha vez rematada a chamada telefónica coa presentación da declaración responsable, as persoas interesadas xa poderán realizar o aproveitamento doméstico (leñas) e non comercial cando o desexen.

Compromiso da Xunta

Con este novo servizo, a Xunta afonda no seu compromiso de achegamento aos cidadáns a través da simplificación de trámites administrativos e a atención a colectivos con dificultades de acceso a medios electrónicos.

Departamento:
C. do Medio Rural