A Xunta convoca as axudas para mellorar as condicións ambientais e laborais no ámbito da minaría e da elaboración de rocha ornamental

O Diario Oficial de Galicia recolle os novos programas de apoios que, lanzados pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, suman 1,3M€ para seguir impulsando a minaría sostible

Preténdese que favorezan a aplicación de tecnoloxías innovadoras e a implantación de melloras técnicas e medidas organizativas para reducir a incidencia da exposición ao po e o ruído

O ano pasado, ao abeiro destas ordes, apoiáronse un total de 49 proxectos

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2021

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) dúas novas convocatorias dos programas de axudas impulsados pola Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para mellorar as condicións ambientais e laborais do sector mineiro, así como do sector de elaboración de rocha ornamental. Entre ambas as dúas, os apoios autonómicos suman 1,3 millóns de euros. Deste xeito, a Administración galega busca contribuír a seguir impulsando a minaría sostible en Galicia.

A primeira das convocatorias está dirixida a empresas que, dentro do territorio da Comunidade, realicen actividades reguladas pola lexislación mineira. Conta cun orzamento de 1.016.839 euros e será de concorrencia non competitiva. O obxectivo é favorecer a aplicación de tecnoloxías innovadoras e implantar as mellores técnicas e medidas organizativas dispoñibles para a loita contras as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e o ruído. Trátase de promover o desenvolvemento sustentable deste sector que constitúe un importante motor económico para as zonas de Galicia onde se leva a cabo esta actividade de importante impacto socioeconómico.

Estes incentivos buscan dous obxectivos. Por unha parte, as axudas dirixiranse a investimentos para a mellora da calidade do ambiente atmosférico, en especial mediante a redución de emisións de po e ruído. Neste caso, a axuda máxima será de 300.000 euros. Mentres que no segundo dos obxectivos, trátase de actuacións para a redución da exposición ao po e o ruído das persoas traballadoras e, deste xeito, mellorar as súas condicións laborais. Neste caso, a axuda máxima será de 200.000 euros.

Adicionalmente, tamén se convocan apoios destinados ás empresas que se dediquen á elaboración de rocha ornamental para incentivar a loita contra as enfermidades profesionais, especificamente as que se poidan derivar dunha exposición prolongada ao po. Neste caso, o orzamento é de 300.000 euros e tamén se outorgarán en réxime de concorrencia non competitiva cun máximo de 50.000 euros por iniciativa.

En ambas as dúas ordes de axuda, a tramitación realizarase de xeito telemático. Con estes programas de apoio, a Xunta volve demostrar o seu compromiso cunha minaría –así como con actividades derivadas da mesma– segura, sustentable e capaz de xerar valor e emprego na Comunidade.

Balance de axudas do 2020

O Diario Oficial de Galicia tamén publicou a listaxe das empresas que resultaron beneficiarias das anteriores convocatorias destas axudas. En concreto, a orde de apoios para a loita contra enfermidades profesionais dirixida e empresas do sector mineiro resolveuse cun total de 37 axudas por un importe de 1,4M€. Por provincias, Pontevedra obtén un total de 19 apoios, seguida de Ourense, con nove; A Coruña, con sete; e Lugo con dúas axudas.

En canto á convocatoria para a loita contra enfermidades profesionais dirixida a empresas de elaboración de rocha ornamental, concedéronse un total de 12 apoios por un importe de 203.500 euros. A maioría delas –un total de oito–, para compañías da provincia da Coruña, tres en Pontevedra e unha en Ourense.

Imaxes relacionadas