Sanidade ultima a creación do Rexistro galego de cancro infantil

Con motivo do Día internacional do cancro infantil, o Sergas informa que en 2019 rexistráronse máis de 740 ingresos de menores de 14 anos nos hospitais públicos galegos, para tratarse desta doenza

O Sergas está traballando na creación do Rexistro galego de cancro infantil, unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento clínico do paciente e que pemitirá acadar máis e mellor calidade no ámbito da investigación biomédica
 

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2021

Con motivo do Día Internacional do Cancro Infantil que se conmemora hoxe, a Consellería de Sanidade destaca que, na actualidade,está a traballar no pleno desenvolvemento dunha nova ferramenta para mellorar a atención oncolóxica aos menores. Trátase do Rexistro galego de cancro infantil, que será fundamental non só para o seguimento clínico do paciente, senón tamén para acadar máis e mellor calidade no ámbito da investigación biomédica.

A incidencia de cancro na infancia é baixa. Grazas ao diagnóstico precoz e ao tratamento en unidades asistenciais con experiencia, melloráronse as taxas de supervivencia que, na actualidade, superan o 70%. Aínda así, esta doenza é a segunda causa de morte na infancia e adolescencia.

Durante o ano 2019, rexistráronse arredor de 740 ingresos de nenos menores de 14 anos nos hospitais da rede pública do Servizo Galego de Saúde, para recibir atención sanitaria á súa doenza oncolóxica e seguir algún tipo de tratamento: quimioterapia, inmunoterapia ou radioterapia.

En Galicia, a atención a estes rapaces desenvólvese dende finais do ano 2017 a través dunha rede asistencial de profesionais expertos en oncoloxía pediátrica, tal e como recolle a Resolución de 29 de septiembre dese mesmo ano, pola que se crea a Unidade de Oncoloxía Pediátrica de Galicia. A unidade, formada por expertos nesta disciplina, centraliza todos os casos e consensúa, dende o punto de vista clínico, a abordaxe, tratamento e manexo de cada paciente. Cómpre lembrar que o cancro infanto-xuvenil é unha enfermidade de gran impacto individual, familiar e social, cuxos principais condicionantes son a baixa incidencia e a necesaria especialización no seu tratamento.

Esa forma de traballo en rede permite dispoñer de toda a información clínica do paciente, compartir criterios clínicos e aproveitar mellor o coñecemento interno da organización para referir o paciente ao profesional máis cualificado da rede, pero sen a perda da referencia dos seus profesionais e do seu centro de orixe. Con este modelo organizativo, fíxose posible acadar unha axeitada coordinación para a atención e codados de todos os casos de cancro en rapaces, coherente coas súas necesidades específicas, tal e como recoñeceu o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, en maio de 2018.

Ademais, a creación da Unidade permitiu incrementar a accesibilidade ás técnicas diagnósticas e terapéuticas, ademais de acercar os recursos asistenciais e proporciona un entorno máis favorable para a formación docente, tanto continuada como especializada.
 

Imaxes relacionadas