A Xunta incrementa un 11% os fondos para apoiar á actividade dos arquivos da Comunidade cun investimento de 800.000 €

Destinarase a mellorar infraestruturas tanto autonómicas como locais e de asociacións sen ánimo de lucro e a prolongar as bolsas de formación

As administracións locais e asociacións poden xa solicitar as axudas que veñen de ser publicadas no Diario Oficial de Galicia
 

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia incrementa este ano os fondos dedicados a apoiar á actividade dos diferentes arquivos da Comunidade un 11% ata un investimento de preto de 800.000€. A achega, que reforza o compromiso do Goberno galego con estas dotacións, estará destinada a mellorar as infraestruturas dos arquivos municipais e de entidades sen ánimo de lucro, a prolongar as bolsas de formación e a financiar as actividades dos arquivos históricos e territoriais dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Así, dos case 800.000€ que a Administración autonómica dedica este ano aos arquivos, 145.000€ están asignados a orde de axudas en materia de arquivos destinadas a entidades locais e entidades sen ánimo de lucro que vén de publicar o Diario Oficial de Galicia. Con esta orde, o Goberno galego colabora no financiamento de actividades relativas á organización arquivística tanto da administración local, á que se destinan 110.000€, como das entidades sen ánimo de lucro, que contan cunha liña de axudas de 35.000€.

A finalidade desta liña de axudas, cuxo prazo de presentación é de un mes, é dotar a estes arquivos da infraestrutura e equipamento adecuado para que os seus fondos documentais estean organizados, en bo estado físico e mesmo reproducidos noutros soportes para que os cidadáns teñan o mellor acceso posible á información.

Unha vintena de bolsas formativas

O resto do orzamento asignado aos arquivos repártese entre o financiamento da actividade do Arquivo de Galicia, o Arquivo do Reino de Galicia, os Arquivos Histórico Provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra e os Arquivos Xerais Territoriais de Lugo, Pontevedra e Vigo, aos que se destinarán este ano máis de 530.000 euros, e a prórroga, por seis meses, da vinte bolsas de formación en materia de arquivos convocada en 2020. Neste sentido, os participantes nestas bolsas de formación relacionadas cos procesos técnicos e que están actualmente realizando a súa actividade no Sistema de Arquivos de Galicia poderán continuar o seu aprendizaxe outros seis meses completando un período total dun ano.

Imaxes relacionadas