A Xunta e a USC reforzan a colaboración en materia de I+D+i para potenciar a dieta atlántica e os seus vínculos cos produtos agroalimentarios galegos

Ambas partes lembran que a Dieta Atlántica se basea, entre outras características, no consumo de alimentos frescos e de proximidade e na abundancia de vexetais, sen esquecer os peixes, os lácteos ou as carnes

É un modelo nutritivo que coincide plenamente con diferentes vías de traballo nas que actúa o Goberno galego, a través do impulso á excelencia alimentaria, ás canles curtas de comercialización ou aos produtos de calidade diferenciada
 

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2021

A Xunta e a Universidade de Santiago (USC) afondarán na súa colaboración en materia investigadora para potenciar todo o relacionado coa Dieta Atlántica e as súas sinerxías cos produtos agroalimentarios galegos. Así o decidiron o conselleiro do Medio Rural, José González, e o reitor da USC, Antonio López, nunha xuntanza de traballo mantida en San Caetano e na que tamén participaron o xerente da institución académica, Xavier Ferreira, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos.

No encontro púxose de manifesto o interese de ambas partes por impulsar liñas de cooperación no eido da I+D+i vinculadas á Dieta Atlántica, que se fundamenta, entre outras características, no consumo de alimentos frescos e de proximidade, así como na abundancia de alimentos procedentes de vexetais, sen esquecer o aporte nutritivo dos peixes e mariscos, os lácteos ou as carnes.

Son, pois, unhas características que coinciden plenamente con diferentes vías de traballo nas que actúa o Goberno galego, a través do impulso á excelencia alimentaria, ás canles curtas de comercialización e aos produtos de calidade diferenciada, é dicir, aqueles amparados con indicación xeográfica protexida, denominación de orixe, procedentes de razas autóctonas ou distinguidos con marcas como o leite de Galega 100%, entre outros.

Recuperación da terra

As peculiaridades da Dieta Atlántica tamén se vinculan, en gran medida, cos instrumentos de mobilización e recuperación da terra agraria que fomenta a Xunta, tales como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta. Cómpre lembrar que un dos grandes obxectivos destas figuras é, precisamente, o de poñer en valor as producións agrolimentarias do rural tanto dende unha perspectiva económica como social e ambiental.

Trátase, ademais, de potenciar as virtudes desta dieta desde o punto de vista organoléptico e nutritivo, así como a súa indubidable contribución á lonxevidade e á mellora da calidade de vida da poboación que a consume. Neste sentido, a Consellería do Medio Rural, a través da Agacal, ten especial interese en todo o que atinxe á investigación das características “técnicas” dos alimentos, algo no que coincide en boa medida cos traballos que desenvolve a USC, especialmente a través de polos coma o Campus Terra.

Así, contémplase a potenciación destas liñas de colaboración, a partir de organismos investigadores dependentes da Agacal, caso do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), que conta, entre outros valores, cun banco de xermoplasma no que se conservan máis de 4.000 variedades. A preservación e valorización destes recursos xenéticos incide na identificación de variedades con relevancia na Dieta Atlántica. Considérase, polo tanto, que o labor de investigación da Agacal e da USC se complementan perfectamente nesta materia e que cómpre darlle un pulo a esas sinerxías.
 

Imaxes relacionadas