A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade dirixiuse por escrito ao alcalde para urxir unha resposta á proposta de colaboración remitida polo Goberno galego o pasado 3 de novembro de 2020

A Xunta solicítalle ao Concello de Vigo que traslade no prazo máximo dun mes a súa conformidade co acordo para poder investir 6,8 M€ na prevención do risco de inundacións do río Lagares

Ethel Vázquez lembra que o río Lagares é unha das 9 zonas fluviais de Galicia con maior risco potencial de inundacións e que a Xunta dispón dun programa de actuacións e fondos económicos que só poden executarse se o Concello o acepta

O Goberno galego conta con documentos técnicos para mellorar o espazo fluvial do río en 4 ámbitos da cidade e para crear áreas de inundación controlada

Entre outros ámbitos, a proposta de colaboración prevé que a Xunta invista 1,6 millóns de euros na ampliación do cauce do río no polígono do Caramuxo

O Plan de xestión de risco de inundacións do Lagares en Vigo foi elaborado pola Xunta en coordinación con técnicos municipais e persoal de Protección Civil de Vigo

A conselleira considera “un deber imprescindible” facer todo o posible para evitar os sucesos provocados polas inundacións, que son un risco para o territorio, para a economía e mesmo para a seguridade das persoas
 

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia vén de solicitarlle ao Concello de Vigo que traslade, no prazo máximo dun mes, a súa conformidade co acordo proposto para investir 6,8 millóns de euros da Administración autonómica na prevención do risco de inundacións do río Lagares na cidade.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, dirixiuse por escrito ao rexedor olívico para urxir unha resposta municipal á proposta de colaboración que lle remitiu a Xunta xa o pasado 3 de novembro de 2020.

Na súa carta, a conselleira lembra que o entorno do río Lagares é unha das zonas pluviais de Galicia con maior risco de inundacións e que, para facerlle fronte a esta situación e paliar as súas consecuencias, a Xunta elaborou un plan específico para a área.

Ese plan contén un programa de actuacións para minimizar o risco das inundacións do río Lagares en Vigo e con fondos económicos, pero esas actuacións e eses investimentos só poden seren executados se o Concello de Vigo acepta a colaboración coa Xunta.

Tal e como sinala Ethel Vázquez, o Plan de xestión do risco de inundacións do río Lagares foi elaborado pola Xunta en colaboración cos técnicos municipais e co persoal de Protección Civil de Vigo e contén obras para mellorar o espazo fluvial do río Lagares en 4 ámbitos e a creación de áreas de inundación controladas.

Entre outras actuacións, a proposta de acordo remitida ao Concello de Vigo prevé o investimento de 1,6 millóns de euros na ampliación do cauce do río Lagares ao seu paso polo polígono do Caramuxo.

A titular de Infraestruturas da Xunta apunta que as inundacións son recorrentes en Vigo e eses episodios afectan non só ao territorio, senón tamén, á actividade económica e mesmo á seguridade das persoas, polo que considera “un deber imprescindible” facer todo o posible para evitar todos os sucesos.

Segundo sinala, as actuacións en leitos públicos situados en zonas urbanas son unha responsabilidade municipal, de acordo co establecido no Plan hidrolóxico nacional, por ser os concellos os competentes na ordenación do territorio e no urbanismo.

Aínda así, a Xunta prevé destinar un investimento de case 6,8 millóns de euros ás obras para a xestión das inundacións no río Lagares en Vigo.

A conselleira salienta que a proposta de acordo de colaboración que agarda a resposta do Concello de Vigo segue o mesmo modelo que están a aplicar todos os organismos de conca de España e o mesmo que foi asinado o pasado 15 de xaneiro co Concello de Carballo para actuar no contorno do río Anllóns