O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, inaugurou hoxe por vía telemática a V edición dos Premios Paraugas

Conde destaca que os Premios Paraugas amosan o valor do deseño e as novas tecnoloxías como ferramentas para incrementar a competitividade das pemes

Salienta a necesidade de impulsar a dixitalización e a vertente máis industrial do deseño para diferenciar o carácter innovador do tecido empresarial galego

Os Premios Paraugas están promovidos polo Clúster da Comunicación de Galicia coa colaboración da Xunta a través da Axencia Galega de Innovación (Gain)

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, afirmou hoxe que os Premios Paraugas, promovidos polo Clúster da Comunicación de Galicia coa colaboración da Xunta a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), amosan o valor do deseño e as novas tecnoloxías dixitais como ferramentas para incrementar a competitividade das pemes.

Así o manifestou durante o acto de inauguración da quinta edicións destes premios aos que optan as mellores empresas e profesionais galegos en campos como a edición, o deseño ou o márketing dixital. Ferramentas, engadiu, que son un factor clave de competitividade e diferenciación para calquera empresa, e que requiren dun esforzo constante por innovar.

Conde, que inaugurou o evento por vía telemática, subliñou que é por iso que a Xunta está apostando por impulsar a dixitalización e a vertente máis industrial do deseño para diferenciar o carácter innovador da industria e do tecido empresarial galego. De feito, estes premios recollen tres subcategorías que son: Mellor deseño gráfico, Mellor deseño industrial ou de produto e Mellor deseño dixital.

En palabras do vicepresidente económico, os Premios Paraugas poñen de manifesto unha edición máis, o talento das empresas e profesionais galegos dedicados a este sector. Son a mellor plataforma para difundir e recoñecer todo este talento con Marca Galicia, concluíu.