O director xeral de Defensa do Monte participou na Comisión 1ª do Parlamento

A Xunta agarda acadar nas próximas semanas un acordo cos comuneiros para poder reabrir a base antiincendios do Xurés

Manuel Rodríguez sinalou que a Consellería do Medio Rural mantén “a man tendida” nesta negociación e valorou os beneficios desta instalación tanto para os propios veciños como para a protección do Parque Natural fronte o lume

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2021

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, agarda poder chegar a un acordo “nas próximas semanas” cos comuneiros de Porqueirós, en Muíños (Ourense) para poder reabrir a base de helicópteros antiincendios do Xurés. Así o afirmou hoxe na Comisión 1ª do Parlamento, en resposta a unha pregunta sobre esta cuestión.

O responsable de Defensa do Monte explicou que xa mantivo un encontro con este colectivo o pasado 16 de decembro, poucos días despois de tomar posesión do seu cargo, e que a Xunta mantén nesta negociación “a man tendida” para acadar unha solución satisfactoria para ambas partes.

Neste sentido, Manuel Rodríguez avanzou que a Consellería do Medio Rural fará unha proposta aos comuneiros para “compensalos polo lucro cesante” e agarda que esta sexa aceptada. Enmarcou esta medida nos plans da Xunta para acadar acordos semellantes en toda Galicia, tendo en conta que boa parte das 13 bases aéreas e dos 83 puntos de encontro do persoal antiincendios se atopan en terreos de montes veciñais en man común.

O director xeral advertiu que a normativa que regula estes terreos forestais establece que “os montes veciñais en man común poderán ser obxecto de cesión temporal, en todo ou en parte, a título oneroso ou gratuíto”. Fixo especial fincapé neste último concepto, especialmente cando se trata -dixo- dunha cesión “destinada a equipamentos a favor da propia comunidade”, como tamén reza a lexislación aplicable.

Nesta mesma liña, Rodríguez sinalou que a existencia da base de helicópteros en Muíños é “indubidablemente beneficiosa tanto para os veciños desta localidade como, en xeral, para a defensa fronte o lume do Parque Natural do Xurés, para a provincia de Ourense e para toda Galicia”. En parecidos termos, reivindicou o labor do dispositivo de loita contra os incendios e a súa plena imbricación no rural galego, polo que desbotou que unha instalación deste tipo poida considerarse unha “molestia” para alguén.
 

Departamento:
C. do Medio Rural