A Xunta colabora na edición dunha nova colección que agrupa e traduce os textos máis representativos da Xeración Nós

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe de xeito virtual o primeiro dos volumes que se publica en colaboración con Hércules de Ediciones

‘Do mellor de Nós’ permite ao lector especialista afondar no coñecemento da Revista Nós, no marco das conmemoracións do Goberno autonómico do centenario
 

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia colabora na edición Do mellor de Nós, unha nova colección que recolle algúns dos textos máis representativos da Xeración Nós, no marco da conmemoración do centenario da Revista Nós que se iniciou o ano pasado. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe o primeiro dos tres volumes desta colección que edita Hércules de Ediciones, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Univerisidade e que é obra do profesor e investigador, Camilo F. Valdeorras.

Como explicou o representante autonómico, a publicación ofrece un “rigoroso enfoque histórico-científico” que permite unha recuperación, tradución e edición dunha serie de traballos senlleiros da Xeración Nós. A nova colección, dixo, supón, ademais a adaptación da grafía histórica dos textos á escrita do galego actual e tamén ao castelán “algo que incrementa as posibilidades de difusión da obra no exterior”, indicou.

Esta nova obra editorial enmárcase nos distintos actos e traballos conmemorativos levados a cabo nos últimos meses pola Xunta pola conmemoración do centenario da Revista Nós, que incluíu unha gran exposición na Cidade da Cultura que foi visitada por máis de 10.000 persoas e que terá continuidade nas cidades de Ourense e Pontevedra este ano.

Tres volumes

Do mellor de Nós está formada por tres volumes en edición bilingüe (galego-castelán). Cada texto está acompañado con fichas-encadres dos autores e das obras. A colección supón cubrir un oco no mercado editorial ante a ausencia de escolmas unitarias. Tampouco é frecuente a inexistencia de facsímiles da Revista Nós desde hai máis de 15 anos, nin no marco da oferta editorial, nin tampouco no circuíto de edición comercial.

A través da edición desta nova colección, o Goberno autonómico contribúe a divulgar e achegarlle ao lector especialista algúns dos textos máis memorables no marco do movemento intelectual que representou a Xeración Nós en Galicia na primeira metade do século XX.
 

Imaxes relacionadas