A Xunta asina a acta de replanteo para o inicio das obras de mellora do sistema de abastecementos do Concello de Betanzos, que suporán un investimento de 1,35 M€

Os traballos de ampliación da capacidade da potabilizadora municipal e da mellora dos sistemas de tratamento comezarán nas vindeiras semanas, cun prazo de execución de 9 meses

A actuación, que ten como obxectivo reducir o risco de desabastecemento no municipio, incluirá a modernización da xestión das instalacións hidráulicas

Ao remate das obras a estación de tratamento de auga potable terá unha capacidade de 120 litros/s e dará servizo a unha poboación de 15.612 habitantes

A intervención enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello, sendo o organismo autonómico Augas de Galicia o que asume a maior parte do financiamento, achegando a entidade local 205.000 euros

A Xunta segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que desenvolvan as súas competencias de saneamento e abastecemento

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, asinou hoxe a acta de replanteo para o inicio das obras de mellora do sistema de abastecemento do concello de Betanzos, que suporán un investimento de 1,35 millóns de euros.

A rúbrica do documento por parte da dirección da obra da Xunta e da empresa adxudicataria, Vázquez y Reino, S.L., é o paso previo ao inicio efectivo das obras de ampliación e mellora da estación potabilizadora do municipio. Os traballos, que contan un prazo de execución de 9 meses, comezarán nas vindeiras semanas.

As actuacións teñen como obxectivo reducir o risco de desabastecemento no municipio e inclúen, tanto na ampliación da capacidade da planta municipal do Couto, como a optimización dos sistemas de tratamento, que incorporarán un pretratamento físico e químico.

A actuación tamén inclúe a modernización da xestión, ademais da urbanización da parcela na que se sitúan estas instalacións hidráulicas.

Esta intervención solucionará as carencias da actual infraestrutura, que está funcionando ao límite da súa capacidade e presenta deficiencias de funcionamento que causan episodios de turbidez reiterados, xerando molestias e preocupacións aos veciños.

Ao remate das actuacións, a estación de tratamento de auga potable terá unha capacidade máxima de 120 litros/s e dará servizo a unha poboación de 15.612 habitantes previstos para o ano horizonte de 2043.

As obras enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello, sendo o organismo autonómico Augas de Galicia o que asume a maior parte do financiamento, e no que a entidade local achega 205.000 euros. A actuación conta ademais co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de desenvolvemento rural Galicia 2014-2020.

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.