A Xunta somete a información pública o proxecto para lograr que a estrada PO-330 en Valadares e Pereiró, Vigo, sexa máis segura e humana grazas a un investimento de 1,7 M€

Trátase de intervir en case 7 km desta estrada autonómica, reforzando a seguridade viaria e mellorando a accesibilidade, ademais de actuar nos aparcadoiros, habilitando 36 prazas, 10 máis das existentes

Os interesados teñen de prazo ata o vindeiro 29 de marzo para presentar achegas ao proxecto que se atopa en exposición pública, e inclúe o trámite expropiatorio, para seguir a tramitación, licitar as obras neste ano para a súa execución no 2022

Actuarase nun treito de concentración de accidentes de algo máis de 1 km, reordenando as interseccións e definindo un novo carril central de espera para o acceso ao colexio Andersen, ademais de reforzar a sinalización dos peóns

Habilitaranse en Valadares unha glorieta de 28 metros de diámetro, no acceso ao pavillón e á piscina municipal, e un novo viario de acceso rodado á escola infantil Monte do Alba, atendendo á solicitude dos veciños
 

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou hoxe do inicio do proceso polo que se somete a información pública o proxecto para lograr que a estrada PO-330 en Valadares e Pereiró, en Vigo, sexa máis segura e humana grazas a un investimento autonómico de 1,7 millóns de euros.

Vázquez Mourelle, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo reunións por videoconferencia cos representantes da asociación de veciños de Valadares e coa asociación de comerciantes de Pereiró, para presentarlles en detalle o conxunto de actuacións previstas nos seus respectivos ámbitos.

Salientou que se trata dun conxunto de actuacións integrais e ambiciosas, en case 7 km desta estrada autonómica que procuran o reforzo da seguridade viaria e a mellora da accesibilidade en Pereiró e Valadares. Tamén se actuará sobre os aparcadoiros, habilitando un total de 36 prazas, 2 delas adaptadas, o que supón 10 máis das que hai na actualidade.

Apuntou que a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia do inicio da información pública ten efectos tamén expropiatorios. Son 31 as parcelas necesarias para a realización das obras e desta forma iniciase o prazo para que as persoas que o desexen podan trasladar as súas achegas e consideracións ata o vindeiro 29 de marzo.

A titular de Infraestruturas da Xunta indicoulles que, a partir de aí, seguirase cos trámites necesarios de aprobación do proxecto e expropiacións, co obxectivo de licitar as obras neste ano para a súa execución en 2022. Os traballos contarán cun período para a súa execución de 10 meses.

As actuacións

Subliñou que con esta intervención se mellorará a seguridade e a accesibilidade nun treito de concentración de accidentes, de algo máis de 1 km, reordenando as interseccións e definindo un novo carril central de espera para resolver de forma segura o acceso ao colexio Andersen, ademais de reforzar a sinalización dos pasos de peóns.

Na reunión precisouse o detalle da habilitación de 2 novas glorietas en Valadares. En concreto, unha de 28 metros de diámetro para mellorar o acceso ao pavillón e á piscina municipal, deseñando desde a glorieta un novo viario de acceso rodado á escola infantil Monte do Alba, atendendo á solicitude dos veciños.

E, unha segunda glorieta, tamén cun diámetro de 28 metros, no Alto da Garrida, para mellorar a seguridade nun cruce de elevado tráfico de vehículos pesados, ao dar servizo aos dous polígonos industriais de Valadares e da Pasaxe; tamén a unha canteira; ao miradoiro do Monte de Alba; e próximo á autoestrada autonómica AG-57.

Urbanizaranse tamén os primeiros 450 metros da estrada, na contorna de Pereiró, entre a glorieta que está fronte ao cemiterio e que serve de enlace co viario da Universidade. Coidarase especialmente a disposición de prazas de aparcamento nesa zona. Aí reordenarase tamén a intersección coa rúa Canteiros, mediante illotes físicos e sinalización horizontal; e nos accesos aos garaxes disporase firme de adoquín.

O proxecto que se somete a información pública inclúe a mellora de varias intersección, na zona de Carneiras, Carregal e O Portal, ben con sinalización horizontal ou con novos elementos físicos como illotes.

Na contorna do Colexio Barreiro reforzarase a seguridade achegando o paso de peóns á entrada do centro e adoptando as medidas de calmado de tráfico necesarias.

Ethel Vázquez puxo ademais o acento en como, atendendo unha demanda dos veciños, se mellorará o acceso ao CEIP Igrexa Valadares, acondicionando o camiño natural, actuando sobre os radios de xiro de entrada e saída que empregan os buses escolares para incorporarse á estrada PO-330.

Tamén se repararán as beirarrúas que estean en mal estado, ademais doutras melloras de sinalización e iluminación nos pasos de peóns.

Esta actuación dá continuidade á mellora das estradas autonómicas en Vigo, tendo actuado a Xunta na humanización das avenidas de Castrelos e da Florida; e na habilitación de sendas e na mellora da seguridade viaria na estrada vella de Baiona, a PO-552; e terá continuidade en Teis, coa mellora da avenida de Galicia cun proxecto cuxa redacción se está a iniciar.
 

Imaxes relacionadas