A Xunta destinará aos guías de turismo 170.000 euros para a creación de novos produtos nos Camiños de Santiago

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse esta mañá con representantes da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, e destacou o papel do colectivo para presentar a comunidade como un destino seguro neste Ano Santo

O acordo inclúe o financiamento da creación de novos produtos turísticos nos Camiños de Santiago e a colaboración para a profesionalización e adaptación do colectivo de guías turísticos

Esta colaboración súmase ao apoio da Xunta ao sector turístico a través do plan de choque, dotado con 37,5M€, con axudas directas a axencias de viaxes, medidas do fomento do consumo e coa posta en marcha do seguro coronavirus

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, xunto coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuniuse hoxe con representantes da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia (Apit Galicia), coa que a Xunta asinará un convenio de colaboración cunha dotación de 170.000 euros co obxectivo de crear novos produtos turísticos en localizacións dos Camiños de Santiago e vinculados co Xacobeo.

Alfonso Rueda destacou o importante papel que este colectivo ten encomendado neste Xacobeo, porque constitúe unha das principais cartas de presentación do turismo galego. Así, sinalou que neste Ano Santo tamén axudarán a relanzar Galicia como un destino seguro e cunha oferta diversificada e de calidade.

Por iso, incidiu na oportunidade que supón o Xacobeo para a recuperación económica do sector, motivo polo cal a Xunta apoiará iniciativas levadas a cabo polos guías de turismo de Galicia en concellos polos que pasa o Camiño. Estes proxectos permitirán, ao mesmo tempo, reforzar os servizos doutros negocios do sector como axencias de viaxe ou establecementos hoteleiros e hostaleiros que tamén apostan polo Xacobeo.

O acordo inclúe medidas como o financiamento de ata o 50% do custo de visitas guiadas en localidades das distintas rutas xacobeas; un concurso de ideas para crear novos produtos turísticos nestes concellos con alternativas aos peregrinos; ou a posta en marcha dunha ferramenta informática denominada “Descubre os Camiños” que agrupe tódalas actividades levadas a cabo polos guías turísticos nestes municipios.

Por outra parte, o Goberno galego, na súa aposta pola profesionalización e a formación continua deste colectivo, apoiará a súa profesionalización e adaptación á Axenda 2030 e á nova era dixital, buscando a calidade no exercicio da profesión.
Esta colaboración súmase ao apoio recibido por parte da Xunta estes meses desde o inicio da pandemia a través doutro convenio de 80.000 euros coa asociación que se destinou a mellorar a formación en materia de seguridade sanitaria e crear novos produtos no escenario postcovid-19.

Na mesma liña traballa a Administración autonómica a través do Plan Director Galicia Destino Seguro 2021-2023 para definir o novo modelo turístico galego baseado na calidade, a sustentabilidade e a seguridade que xa ofrece Galicia como destino.

A axuda aos guías turísticos tamén está presente no Plan de choque para o sector turístico, dotado con 37,5 millóns de euros, e que conta con axudas directas de 3,6 millóns de euros a axencias de viaxes e touroperadores, así como medidas de fomento do consumo a través da renovación dos programas Elixe Galicia e o Bono Turístico, cun investimento de 1,3 e 5 millóns de euros respectivamente. O Plan conta ademais con 1,4 millóns para o seguro coronavirus, unha medida pioneira coa que cubrir os gastos sanitarios de turistas e peregrinos ante un caso de infección por covid-19 e contribuír a recuperar a confianza dos viaxeiros.

Imaxes relacionadas