Política Social investirá 156.000 euros para construír o punto de encontro familiar en Ribeira neste 2021

Será o primeiro centro destas características fóra das sete cidades

Recibirá outros 150.000 euros anuais para os gastos de mantemento

Permitirá que as nais e pais separados ou en trámites de separación do Barbanza realicen as visitas que lles corresponden dun xeito seguro
 

Ribeira (A Coruña), 12 de febreiro de 2021

A Xunta licitará nos próximos días as obras para a construción do Punto de Encontro Familiar (PEF) de Ribeira por 156.000 euros e destinará máis de 150.000 euros anuais para o seu mantemento. A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada polo alcalde ribeirense, Manuel Ruiz, visitou esta mañá o lugar no que se vai emprazar este centro, que permitirá que as nais e pais separados ou en trámites de separación do Barbanza realicen as visitas que lles corresponde dun xeito seguro.

A conselleira sinalou que Ribeira, como capital de comarca, ten a responsabilidade de ofrecer servizos esenciais para as súas 66.000 veciñas e veciños. Neste sentido, apuntou que este PEF permitirá que as familias que ata o de agora se tiñan que trasladar a Santiago para realizar estas visitas, conten con este servizo nas súas proximidades. Ademais, converterá a este Concello no primeiro en ter un centro destas características fóra das sete cidades. Está previsto que as obras finalicen antes de que remate o ano.

Fabiola García lembrou que o Goberno galego continúa mellorando a rede autonómica de Puntos de Encontro Familiar. Neste sentido, asegurou que nos pasados meses se ampliou o horario de todos os PEF de cinco a sete días á semana, para poder cumprir coas medidas xudiciais e atender aos protocolos de prevención fronte á covid-19.

Por outra banda, a conselleira lembrou que a Xunta segue incrementando os servizos para as pequenas e pequenos do Barbanza e para as súas familias. Como mostra disto, resaltou a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos para os segundos fillos e sucesivos que xa é unha realidade no concello de Ribeira.

Imaxes relacionadas