Trenor informa aos Administradores de Fincas da nova convocatoria do Programa de mellora e reforma enerxética de vivendas e edificios

Só se poderán presentar as solicitudes por medios telemáticos e o prazo está aberto ata o 31 de xullo

Ao abeiro destas axudas poderán subvencionarse actuacións de mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, de uso de enerxías renovables, de mellora das instalacións de iluminación

O delegado da Xunta informou tamén doutra axuda que ten aberta a convocatoria, ata o 1 de setembro, para adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes dirixida a menores de 35 anos

A Coruña, 12 de febreiro de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo esta mañá unha reunión de traballo cos representantes do Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia para informar que xa está aberta unha nova convocatoria de axudas do programa para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes, reguladas polo Real decreto do 4 de agosto. O prazo para acceder a estes apoios estará aberto ata o 31 de xullo.

Trenor aclarou que “estas axudas serán xestionadas por primeira vez pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e para as que este ano se destinan os 8,5 millóns de euros, dos 17 millóns que recolle o Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes e se regula a concesión directa das axudas deste programa ás comunidades autónomas ata o ano 2023”.

Os beneficiarios, que só poderán presentar as súas solicitudes por medios telemáticos, son os propietarios de vivendas e as comunidades de propietarios, que poderán acoller as incentivos para subvencionar actuacións de mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, de uso de enerxías renovables, de mellora das instalacións de iluminación

O delegado da Xunta explicou que “os beneficiarios desta liña de subvencións son as persoas propietarias de vivendas unifamiliares ou de edificios de tipoloxía residencial colectiva ou de vivendas e locais existentes nestes últimos edificios; as comunidades de persoas propietarias ou as agrupacións de comunidades de persoas propietarias de edificios residenciais de uso vivenda, así como as persoas propietarias que de forma agrupada sexan propietarias de edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de propiedade horizontal”.

Tal e como se recolle na resolución, establécense tres tipos de actuacións subvencionables: de mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, aquelas que teñen entre os seus obxectivos reducir a demanda enerxética; de uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; e das instalacións de iluminación, é dicir, as luminarias, lámpadas e equipamentos; sistemas e elementos que permitan o control local, remoto ou automático por medios dixitais de acendido e regulación do nivel de iluminación.

Para o cálculo da contía subvencionable, haberá unha axuda base e unha adicional, que se determinará con base en tres criterios, como os criterios sociais (actuacións que se realizan en edificios de vivenda de protección pública; actuacións en inmobles situados en áreas de rehabilitación), a eficiencia enerxética e que se trate dunha actuación integrada (aplicarase a porcentaxe adicional cando se realizan simultaneamente dúas ou máis tipoloxías de actuación).

Por último, as axudas deste programa son compatibles con outras axudas concedidas para o mesmo fin, sempre que non se supere o custe da actuación e as outras axudas concedidas non conten con cofinanciamento de fondos europeos. Nese sentido, o IGVS destinará un millón de euros á liña de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e accesibilidade en vivendas, recollidas no Programa de fomento da mellora de eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas Plan 2018-2021.

Menores 35 anos

Trenor tamén informou doutra axuda que ten aberta a convocatoria para adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes dirixida a menores de 35 anos, unha liña de axudas que contará en 2021 cun orzamento inicial de 800.000 euros e que forma parte do medio cento de accións en materia residencial coas que o Goberno galego aspira a axudar a 70.000 familias nos vindeiros cinco anos. O delegado da Xunta explicou que estas axudas, convocadas o 2 de febreiro, desde a súa posta en marcha en 2018 esgotaron todos os anos o crédito dispoñible.

Esta convocatoria está dotada con 800.000 euros, aínda que esta contía poderá ser ampliada. O prazo para a presentación de solicitudes prolongarase ata o próximo 1 de setembro. En canto aos requisitos, a vivenda terá que estar xa construída (sexa nova ou usada) e situarse nun dos 215 concellos con menos de 5.000 habitantes que hai en Galicia. Ademais, o prezo de venda non poderá superar os 100.000 euros e o importe máximo da axuda será de 10.800 euros.

O delegado da Xunta destacou “a importancia desta nova convocatoria de axudas para facilitar o acceso á súa primeira vivenda en propiedade á xente nova, ao tempo que se contribúe ao asentamento da mocidade en concellos menos poboados e de áreas rurais”.

Pacto social pola vivenda

Este é, precisamente, un dos obxectivos do Pacto Social pola Vivenda promovido pola Xunta e asinado por un total de 10 entidades e colectivos representativos do sector en Galicia para mobilizar máis de 1.080 millóns de euros entre fondos públicos e privados a través de case 50 medidas e accións estratéxicas nos vindeiros cinco anos.

Concretamente e co fin de facer máis accesible a vivenda, daráselle un novo pulo á adquisición de vivendas protexidas con axudas de ata 20.000 euros. En canto ao alugueiro, lanzarase a modalidade de arrendamento con opción de compra para os menores de 35 anos, reformarase o programa de vivendas baleiras con axudas de ata 8.000 euros para os propietarios, e estableceranse novos instrumentos de colaboración entre a Xunta e as entidades sociais para paliar a exclusión residencial dos colectivos máis vulnerables.

En materia de rehabilitación e rexeneración dos espazos urbanos, seguirase apostando pola recuperación de inmobles xa construídos, sobre todo en núcleos rurais e concellos con saldo demográfico negativo, para os que tamén se porá en marcha un programa para facilitar aos concellos a dinamización e posta no mercado dos seus núcleos en estado de abandono.

Así mesmo, no relativo á estratexia para mobilizar máis solo residencial, primaranse aquelas ofertas para construír vivendas de protección autonómica, destinadas ás persoas e colectivos con maiores dificultades.

Imaxes relacionadas