O titular do Goberno galego visitou esta mañá as obras da nova planta de Hijos de Carlos Albo, na Plisan

Feijóo anima aos concellos a conceder licenzas exprés para seguir atraendo investimentos á Comunidade

Salienta que a nova lei de reactivación económica terá como obxectivo fundamental a simplificación dos procesos administrativos para, garantindo a seguridade xurídica, mandar unha mensaxe de confianza aos inversores e de competitividade da nosa economía

Destaca a aposta de Hijos de Carlos Albo por Galicia, xa que as novas instalacións, cun investimento de 29M€, permitirán producir ata 100 toneladas por día e crear 25 novos empregos

Precisa que a Xunta declarou o proxecto de Albo como iniciativa empresarial prioritaria, o que permitiu reducir á metade os trámites administrativos

Incide na necesidade de abaratar o solo empresarial e lembra que desde o ano 2016 a Xunta investiu máis de 64 millóns de euros en bonificacións de chan industrial

Salvaterra de Miño (Pontevedra), 12 de febreiro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe aos concellos a conceder licenzas exprés para seguir atraendo investimentos á Comunidade.

Durante unha visita esta mañá ás obras da nova planta de Hijos de Carlos Albo, na Plisan, en Salvaterra de Miño, Feijóo referiuse, deste xeito, á Lei de simplificación administrativa e reactivación económica que, baixo a previsión de que o Parlamento a aprobe no mes de febreiro, terá como obxectivo fundamental a simplificación dos procesos administrativos para, garantindo a seguridade xurídica, mandar unha mensaxe de confianza aos inversores e de competitividade da nosa economía.

“Estamos a falar de cambiar a cultura administrativa, eliminar as trabas burocráticas e acompañar ás empresas nas súas iniciativas”, dixo, incidindo en que con este texto intensificarase a simplificación administrativa, outorgando por regra xeral un prazo de 3 meses para emitir informes da Xunta; e ampliaranse os supostos para declarar proxectos estratéxicos.

Así mesmo, esta nova lei recollerá tamén un proceso máis áxil para as autorizacións administrativas de instalacións eléctricas; e a consolidación dos beneficios fiscais para zonas rurais.

Por outra banda, e co obxectivo de apoiar os investimentos, créase a Oficina Reactiva Galicia, unha oficina que actuará de xanela única, realizando un seguimento dos trámites dun proxecto, sexan da Xunta ou dun concello adherido. Dentro deste organismo inclúese o servizo Doing Business e a ferramenta Igape Responde, para aclarar dúbidas e informar sobre convocatorias e axudas.

Máis de 64 millóns de euros en bonificacións de chan industrial desde 2016

Nesta liña, o titular da Xunta referiuse ao proxecto desta empresa como un exemplo do compromiso da Administración autonómica co tecido empresarial da Comunidade. Non en van, e dentro da posta en marcha por parte da conserveira do proxecto Albo 4.0, en xuño de 2020, a Xunta declarou esta nova planta como unha iniciativa empresarial prioritaria, reducindo o proceso de tramitación á metade.

Ao longo da súa intervención, Feijóo destacou a aposta de Hijos de Carlos Albo por Galicia, cunha nova planta sobre case 63.000 metros cadrados para procesado e esterilización, con capacidade de produción de ata 100 toneladas por día, que supón o mantemento de 200 postos de traballo e a creación de 25 novos, e cun investimento de 29 millóns de euros. Un proxecto que, ademais, pon de manifesto que esta plataforma loxística industrial, a maior bolsa de chan industrial coa que conta Galicia, con tres millóns de metros cadrados de superficie, resulta atractiva para as empresas.

Sobre este punto, o presidente do Executivo autonómico fixo fincapé tamén na necesidade de abaratar o solo industrial para facilitar a implantación de novas empresas en Galicia, lembrando que desde 2016 e só en bonificacións de chan industrial a Xunta investiu máis de 64 millóns de euros.

Por último, o presidente do Goberno galego aproveitou o acto para recordar a oportunidade que no eido da reconstrución suporán os fondos europeos Next Generation.

Imaxes relacionadas