O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal mantivo un encontro con representantes do sistema de certificación forestal FSC

A Xunta fomenta a ordenación e certificación dos montes co fin de reforzar a calidade do sector forestal galego

José Luis Chan explicoulles aos principais responsables do sistema FSC España os obxectivos prioritarios da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e as claves da revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040

Puxo en valor diversas liñas de achegas que xestiona a Consellería do Medio Rural e que buscan unha correcta ordenación do monte e a boa gobernanza nas nas comunidades de montes veciñais en man común

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2021

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, mantivo unha xuntanza virtual cos principais responsables do sistema de certificación FSC España para seguir traballando no fomento da ordenación e certificación dos montes galegos, co fin de reforzar a calidade do sector forestal da nosa comunidade.

Así, o director xeral trasladoulles que a futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia contempla os tres usos, o agrícola, o gandeiro e o forestal. No caso deste último, aposta por un monte multifuncional, sustentable e rendible economicamente e por potenciar un conxunto amplo de diferentes tipos de agrupacións forestais de xestión conxunta. Asemade, créase, por primeira vez no Estado, a figura do silvicultor activo, vinculado á ordenación forestal sostible e á súa certificación forestal. Con esta norma tamén se defende a certificación forestal, como fórmula acaída para fomentar esa xestión e planificación sustentable a través do status de silvicultor activo.

Neste senso, José Luis Chan salientou a necesidade de avanzar de forma decidida no incremento significativo da superficie ordenada e certificada. Ao respecto, trasladou que actualmente existen 260.000 hectáreas de monte ordenado en Galicia e insistiu na importancia das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais. Sobre isto, o director xeral lembrou que un total de 677 beneficiarios poderán elaborar ao longo do presente ano 2021 os seus instrumentos en case 200.000 hectáreas de monte, cunha achega por parte da Administración galega duns 4,5 millóns de euros.

Precisamente, estas achegas teñen como finalidade a consolidación da propiedade forestal mediante unha xestión sustentable demostrada, toda vez que ditas axudas están vinculadas a un compromiso dos beneficiarios de obter un selo de certificación nun período dun ano dende o seu pagamento.

Doutra banda, o director xeral tamén lembrou que está aberto o prazo para solicitar as achegas que impulsan a boa gobernanza nas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC). Esta liña está dotada cun orzamento de 1,5 millóns de euros e pretende profesionalizar a xestión destas figuras e consolidar as súas propiedades. Cómpre destacar que estes terreos ocupan máis de 660.000 hectáreas en Galicia que representan máis do 25% da superficie forestal da comunidade. Asemade, dentro das posibles accións obxecto de axuda atópanse aquelas relacionadas coa obtención, por primeira vez, do selo de certificación de xestión forestal sustentable así como aquela para o mantemento de dito certificado.

Plan Forestal de Galicia

Por último, José Luis Chan trasladou as principais claves da revisión do Plan Forestal de Galicia (PFG), que se está tramitando no Parlamento de xeito paralelo á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, o director xeral destacou que esta revisión do PFG se asenta nos compromisos en materia de transición verde, biodiversidade, neutralidade climática e consumo responsable.

Para iso, o PFG establece unha proxección do monte galego do futuro para o período 2021-2040, onde o investimento previsto no conxunto do devandito período acadará os 4.900 millóns de euros, incluíndo tanto fondos públicos (arredor de 4.000 millóns) como financiamento privado dos titulares ou xestores dos terreos forestais.

Outras magnitudes do Plan, que resaltou o director xeral durante a xuntanza, pasan por acadar as 425.000 hectáreas de frondosas e, no caso do castiñeiro, actuarase en 8.000 hectáreas para recuperar soutos tradicionais, mentres se plantarán outras 16.000 ha tanto para a produción de castaña como para a xeración de madeira. Sobre o eucalipto, planifícase unha redución do 5% da superficie con presenza desta especie chegados ao ano 2040, traballando para que un total de 20.000 hectáreas se convertan en masas doutras árbores.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural