A Xunta e o Concello de Parada de Sil estudan novas vías de colaboración para a mellora dos soutos de castiñeiros

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha xuntanza telemática co alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas relativas ao agro deste municipio ourensán. Así, na reunión acordaron estudar novas vías de colaboración para a mellora dos soutos de castiñeiros, entre outras cuestións.

Neste senso, o conselleiro trasladoulle que técnicos do seu departamento achegaríanse nos vindeiros días ata o municipio para valorar as masas de castiñeiros presentes na zona, co fin de poder determinar novas fórmulas que impulsen a plantación destas árbores. Tamén analizarán os soutos existentes para ver se cabe a posibilidade de inscribilos no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. No encontro tamén estiveron presentes os directores xerais de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural