A Xunta e as organizacións profesionais agrarias colaborarán para frear a inclusión do lobo por parte do Estado no Listado de Especies en Réxime de Protección Especial

Os conselleiros de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Medio Rural mantiveron esta tarde unha reunión con representantes do sector para escoitar as súas inquietudes e trasladar as xestións que está a levar a cabo a Xunta, ante esta decisión unilateral do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico

Apostan polo traballo conxunto para trasladar ao Goberno estatal as graves consecuencias para o sector da súa decisión, que non conlevaría unha maior protección para o lobo

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia e as organizacións profesionais agrarias colaborarán co obxectivo de frear a inclusión do lobo no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lesrpe). Así o avanzaron esta tarde a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o do Medio Rural, José González, na reunión celebrada con representantes das organizacións profesionais agrarias, na que estes trasladaron as súas preocupacións e inquietudes ante esta decisión que impulsa o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Concretamente, en nome do sector participaron telematicamente Roberto García, de Unións Agrarias (UUAA), Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego Galego (SLG), Francisco Bello, en nome da Asociación Agraria de Galicia (Asaga), e Higinio Mougán, xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca).

Ángeles Vázquez reiteroulles que desde o momento no que se tivo coñecemento desta medida do ministerio que dirixe Teresa Ribera, a Xunta trasladou a súa oposición porque a inclusión no Lesrpe non conlevaría unha maior protección dos exemplares; pero si implicaría grandes consecuencias para unha actividade económica clave para as zonas rurais, como fonte xeradora de alimentos de calidade e ferramenta eficaz na loita contra o despoboamento.

Explicou que non se trata, en ningún caso, de desprotexer o lobo; senón de adaptar a súa protección á propia realidade de cada territorio. No caso de Galicia, hai anos que só se autorizan accións cinexéticas de forma excepcional, cun estudo previo e sempre tras constatar danos á gandaría, un sector ao que o Goberno tamén ten que escoitar antes de decidir.

Nese sentido, invitou aos representantes das organizacións agrarias a traballar de xeito conxunto para que o Estado reflexione sobre a súa decisión e aposte por abrir un diálogo non só coas comunidades máis afectadas, senón tamén co sector máis afectado, para coñecer de primeira man a realidade que padecen os gandeiros das comunidades do norte.

Recordou que a postura da Xunta sempre foi a de buscar a compatibilidade entre a existencia de manadas de lobos en Galicia e a supervivencia da gandaría extensiva, tal e como ten demostrado a través da convocatoria sucesiva de ordes de axudas durante máis dunha década, tanto para previr como para paliar os danos que ocasionan estes animais.

Foro científico- técnico

Tal e como se avanzou en días anteriores, a Xunta de Galicia apoiará as accións conxuntas que impulsen as comunidades ao norte. Así, veñen de acordar o establecemento dun foro científico-técnico sobre a xestión do lobo ibérico nos territorios con presenza continua desta especie nas últimas décadas.

O obxectivo principal é o de servir de punto de encontro para a emisión de criterios científico-técnicos, a posta en común de experiencias na xestión e a coordinación efectiva das accións de estima poboacional da especie.

Así, os traballos deste foro técnico comezarán coa recompilación da importante bagaxe de coñecemento acumulado polas comunidades autónomas que xestionaron a especie nos últimos anos, a través de diferentes fórmulas que se adaptan ás características e singularidades de cada territorio.

Imaxes relacionadas