A conselleira de Política Social, Fabiola García, mantivo unha reunión por videoconferencia co novo director do centro, Juan Cores

A Xunta instala un ascensor exterior na residencia de maiores Torrente Ballester da Coruña para mellorar a súa accesibilidade

O Goberno galego destina preto de 50.000 euros a esta actuación, que permite salvar a pronunciada pendente da rúa que une o edificio co paseo marítimo

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2021

A Xunta instalou un ascensor exterior na residencia de maiores Torrente Ballester, da Coruña, para mellorar a súa accesibilidade. A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada polo delegado territorial da Xunta na cidade herculina, Gonzalo Trenor, mantivo unha reunión por videoconferencia co novo director do centro, Juan Cores, para coñecer o resultado desta actuación e recoller as solicitudes e demandas que permitan mellorar o benestar de usuarios e traballadores.

Fabiola García destacou que a instalación deste ascensor, para a que a Xunta destinou preto de 50.000 euros, é unha reclamación histórica por parte da comunidade do centro. A pronunciada pendente da rúa que une a entrada da residencia co paseo marítimo dificultaba que os usuarios con mobilidade reducida puideran saír e pasear polas inmediacións. Neste sentido, a titular de Política Social transmitiulle a súa confianza en que pronto finalicen as restricións para devolverlle aos maiores os paseos ao exterior.

Así mesmo, a conselleira agradeceulle unha vez máis aos profesionais desta residencia pública o traballo realizado durante os últimos meses de pandemia. “Os difíciles momentos do último ano comezan a rematar ao recibir a segunda dose da vacina”, puntualizou. A totalidade dos usuarios e traballadores da Torrente Ballester xa recibiron a segunda dose da vacina hai máis dunha semana.

Imaxes relacionadas