Trenor destaca o traballo de Alar Galicia para axudar ás persoas con maiores dificultades como os menores, as mulleres, os inmigrantes ou os parados de longa duración

O delegado da Xunta achegouse aos proxectos desta entidade, que contan co apoio do Goberno autonómico

A Coruña, 11 de febreiro de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, recibiu esta mañá ao presidente de Alar Galicia, Fernando González, unha entidade sen ánimo de lucro que traballa no ámbito dos servizos sociais con proxectos para mellorar as condicións de vida das persoas e colectivos que atopan maiores dificultades para incorporarse á vida social normalizada. Esta institución presta, neste sentido, especial atención a colectivos como os menores, as mulleres con cargas, os inmigrantes, os retornados e os desempregados de longa duración.

Trenor lembrou a “magnífica colaboración que a Xunta mantén con Alar Galicia, coa que traballamos man a man para poñer en marcha novos proxectos e crear máis servizos de atención para estes colectivos que máis o necesitan”. Nestes momentos, a entidade conta co apoio económico do Goberno galego para levar a cabo varios programas, como o Proxecto Fenix, a través dun convenio da Secretaria Xeral de Igualdade dotado con 25.000 euros, para a reeducación dos menores con medidas xudiciais por exercer violencia de xénero, en colaboración coa Fiscalía de menores.

Ademais, contan con outro proxecto de Coaching con menores, que ten unha achega da Consellería de Política Social de 28.000 euros, centrado no acompañamento profesional a menores que se atopan en serias dificultades para incorporarse á vida social normalizada, que beneficia anualmente arredor de 50 nenas e nenos.

O delegado da Xunta interesouse tamén polo programa Mellora de integración socio-laboral de mulleres con dificultades, que no 2021 terá un orzamento de máis de 44.000 euros a través das subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de inclusión social, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Alar conta tamén co apoio da Xunta para a contratación de 4 traballadores a través dos fondos de cooperación de emprego.

Imaxes relacionadas