A Xunta adxudica por 1,67 millóns de euros a execución da nova depuradora de Sergude para a mellora do saneamento en Boqueixón

A actuación contará cun prazo de execución de 12 meses

Trátase de mellorar as infraestruturas de saneamento e unificar o tratamento das augas residuais nos núcleos de Sergude e de Lestedo

Construirase unha nova instalación, deseñada para 3.000 habitantes equivalentes, xunto á xa existente para triplicar a capacidade da depuradora actual

A actuación enmárcase nun convenio de colaboración co Concello, que asume a posta á disposición dos terreos e a súa conservación e mantemento unha vez finalizadas as obras, que financia maioritariamente Augas de Galicia
 

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar as obras de execución da nova estación depuradora de augas residuais de Sergude, en Boqueixón.

Este contrato foi adxudicado á empresa Vázquez y Reino, S.L. por un importe próximo aos 1,67 millóns de euros. Os traballos contan cun prazo de execución de 12 meses.

A intervención ten por obxectivo mellorar as infraestruturas de saneamento nos núcleos de Sergude e Lestedo e unificar o tratamento das súas augas, xa que a capacidade de tratamento das augas residuais da depuradora existente, deseñada para 1.000 habitantes equivalentes, resulta insuficiente.

Os traballos consistirán na execución da estación depuradora de augas residuais en Sergude e colectores, unha nova planta deseñada para 3.000 habitantes equivalentes, o que permitirá triplicar a capacidade da depuradora actual.

A nova depuradora situarase xunto á xa existente e, mentres se acometen as obras, a actual estación de tratamento permanecerá en servizo. A nova depuradora incluirá os seguintes procesos: liña de auga, liña de fangos e redes auxiliares de proceso.

A actuación enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello de Boqueixón, sendo o organismo autonómico Augas de Galicia o que se encargue de achegar a maior parte do financiamento e de contratar e executar as obras. Á entidade local correspóndelle o confinanciamento da actuación, así como a xestión dos terreos para a futura planta de tratamento de augas residuais e a asunción da súa conservación e explotación unha vez rematados os traballos.

As actuacións contan co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) Galicia 2014-2020.