A Xunta entrega seis vehículos pick-up todocamiño á Policía Autonómica para tarefas medioambientais

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na entrega destes vehículos destinados ás patrullas que se encargan de investigacións relacionadas con accións contra o medio ambiente ou co furtivisimo e o marisqueo ilegal

O Goberno galego continúa a mellorar o parque móbil da Policía Autonómica, que nos últimos 5 anos renovou con 75 novos vehículos

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2020

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal, participaron hoxe na entrega de seis novos vehículos pick-up todocamiño para este corpo de seguridade.

Trátase de vehículos destinados ás unidades medioambientais da Policía Autonómica, especialmente equipados para tarefas levadas a cabo no monte e nas praias que facilitarán, polo tanto, a investigación dos axentes en accións contra o medio ambiente e o furtivismo e o marisqueo ilegal ou en apoio ás actuacións dos servizos de Protección Civil.

A Xunta mellora así o parque móbil da Policía Autonómica con estes vehículos co obxectivo de reforzar a calidade do servizo das patrullas que se ocupan da vixilancia do medio ambiente. Nos últimos anos, o Goberno galego renovou a flota con 75 novos vehículos. Só no último exercicio entregáronse 13 vehículos para uso policial. En concreto, 2 furgonetas todocamiño, 1 vehículo camuflado, 4 todocamiño híbridos para as patrullas que vixían o medio ambiente e o patrimonio das rutas do Camiño de Santiago, máis os 6 pick-up todocamiño entregados hoxe.

A Administración autónomica tamén vén apoiando desde o inicio da pandemia á Policía Autonómica na realización de controis para a detección do coronavirus e na dotación de material de protección. Ademais, para dar resposta ao incremento das súas funcións co control do cumprimento das medidas de prevención da covid-19 e no reforzo da seguridade neste Xacobeo, a Xunta xa solicitou en varias ocasións que complete o cadro de persoal, que na actualidade se sitúa no 80%, ata contar con 500 efectivos.

Imaxes relacionadas