A Xunta adxudica por 722.000 euros as obras de execución de tres colectores e un pozo de bombeo en Orto e Crendes, en Abegondo

A actuación de mellora do saneamento contará cun prazo de execución de 5 meses

A nova rede incorporará un sistema de impulsión que permita desembocar as augas residuais na rede xa instalada e de aí á depuradora de Beldoña

Estas obras darán continuidade ás xa rematadas en 2019, que contaron cunha achega autonómica de 220.000 euros

Os traballos forman parte dun proxecto máis amplo que permitirá completar integramente o saneamento de Orto e Crendes

O obxectivo é dotar estas parroquias dun sistema de saneamento que dará servizo a preto de 1.500 habitantes
 

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar as obras de execución de tres colectores e un pozo de bombeo en Orto e Crendes, no concello de Abegondo.

Este contrato foi adxudicado á empresa Vázquez y Reino S.L por importe de preto de 722.000 euros e contará cun prazo de execución de 5 meses.

A intervención enmárcase no convenio de colaboración co Concello de Abegondo, polo que a Xunta financia o 83% do orzamento deste proxecto, correspondéndolle o restante á entidade local.

Os traballos teñen como obxectivo executar unha nova rede de saneamento que permita a captación das augas e que incorporará, para salvar a orografía do terreo, un sistema de impulsión das augas residuais que desembocará na rede de saneamento que xa hai instalada, e desde aí á estación depuradora de Beldoña.

Esta nova intervención inclúe a execución de 3 conducións principais, complementadas con un pozo de bombeo, coa súa impulsión. O pozo de bombeo constará de 4 m3 de capacidade útil e estará equipado con dúas bombas cunha capacidade total de 4,34 l/s.

Esta actuación forma parte dun proxecto máis amplo que cando estea executado na súa totalidade permitirá completar integramente o saneamento das parroquias de Orto e Crendes.

Estas obras hidráulicas darán continuidade ás xa rematadas en 2019, nunha primeira fase, nestes núcleos de Abegondo, mediante a achega dun orzamento autonómico de 220.000 euros.


Os traballos xa acometidos consistiron na instalación de cinco colectores por gravidade, cun total de 4.200 metros de lonxitude, dúas impulsións de 1.939 e 1.479 metros respectivamente e dous pozos de bombeo.

O obxectivo destas actuacións é dotar estas parroquias dun sistema de saneamento e depuración que responda ás necesidades da poboación. Así, o proxecto no seu conxunto dará servizo a preto de 1.500 habitantes desta contorna para o ano 2042.