A Xunta convoca catro novos permisos de explotación na modalidade de percebe a pé na confraría de Malpica

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles tras a publicación desta convocatoria no taboleiro de anuncios da Xefatura Territorial e na páxina web da Consellería

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2021

A Consellería do Mar convoca catro novos permisos de explotación na modalidade de percebe a pé no ámbito do plan de explotación da confraría de pescadores de Malpica. Para poder optar a eles, os solicitantes deben cumprir, entre outros, os requisitos esixidos no Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se regulan os permisos de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira e o que establece a orde que regula a explotación dos recursos específicos. Ademais deben presentar a documentación requirida pola Consellería do Mar.

Os interesados poderán consultar a convocatoria na páxina web da Consellería do Mar no seguinte enlace. O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días hábiles tras a publicación desta convocatoria no taboleiro de anuncios da Xefatura Territorial e na páxina web da Consellería.

As solicitudes e a documentación acreditativa deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.es). Opcionalmente tamén se poderán presentar en papel nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de correos ou no resto de lugares indicados na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Unha vez rematado o prazo de solicitude, a Consellería do Mar procederá á súa valoración. As solicitudes que cumpran os requisitos establecidos serán estudadas e baremadas de acordo co baremo para obter o permiso de explotación a pé para recursos específicos, aprobado pola resolución do 4 de maio de 2016 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Cabe lembrar que todas as prazas se convocan despois de comprobar a súa viabilidade nos informes técnicos e sempre tendo en conta a compatibilidade e sustentabilidade dos recursos e criterios socioeconómicos.