A Xunta e o Concello de Lousame colaborarán para completar as instalacións do miradoiro da Muralla coa mellora dos accesos e un aparcadoiro

O conselleiro do Medio Rural e a alcaldesa deste municipio coruñés mantiveron unha reunión por videoconferencia na que tamén abordaron as posibilidades que ofrecerá a futura Lei de recuperación da terra para dinamizar o seu agro

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2021

A Xunta e o Concello de Lousame colaborarán para realizar diferentes actuacións que virán complementar o miradoiro da Muralla, unha instalación que recibiu axuda da Consellería do Medio Rural co obxecto de actuar como dinamizador do turismo na zona asociado á natureza. En concreto, está previsto acometer a mellora dos accesos e habilitar un espazo de aparcadoiro.

Así o acordaron o conselleiro do Medio Rural, José González, e a alcaldesa de Lousame, María Teresa Villaverde, nunha xuntanza de traballo por videoconferencia na que tamén participou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé.

Neste encontro tamén se abordaron as diferentes posibilidades que abrirá a futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en trámite parlamentario, para dinamizar e poñer en valor o agro neste concello coruñés. Así, o conselleiro trasladoulle á alcaldesa que esta norma facilitará, mediante ferramentas como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta, recuperar terreos en desuso ou infrautilizados, para o seu aproveitamento desde o triplo enfoque agrario, gandeiro e forestal. José González amosou tamén a súa disposición para explicar os contidos e alcance deste texto legal nunha visita a Lousame en primavera.

Pola súa banda, a rexedora municipal agradeceu o ofrecemento do conselleiro e amosou un especial interese por estas posibilidades, que se comprometeu a estudar co fin de aproveitalas para impulsar o medio rural do seu concello, partindo dos recursos agrarios, gandeiros e forestais dos que dispón.

Imaxes relacionadas