Un total de 577 agricultores e gandeiros galegos beneficiáronse das axudas da Xunta para impulsar a incorporación a distintivos de calidade

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas subvencións da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, polas que se aboaron máis de 124.000 euros ao abeiro da convocatoria do ano pasado

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2021.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) - dependente da Consellería do Medio Rural- que dá publicidade ás subvencións concedidas aos produtores galegos para a súa participación en réximes de calidade, ao abeiro da convocatoria do ano pasado. Así, un total de 577 agricultores e gandeiros recibiron un importe global de 124.537 euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2014-2020.

Destes 577 produtores, a meirande parte -un total de 333- incorporáronse á indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega, 144 ao réxime de calidade da agricultura ecolóxica, 53 á IXP Vaca Gallega/Buey Gallego, 46 á IXP Mel de Galicia e un último produtor á denominación de orixe (DO) vitivinícola de Valdeorras.

Cómpre lembrar que podían ser beneficiarios desta convocatoria de axudas os titulares de explotacións agrarias que se incorporasen a un determinado indicativo de calidade despois do 18 de novembro de 2015 e que cumprisen a condición de ser agricultor activo. No caso da produción ecolóxica, tamén podían recibir subvención aqueles que xa tiveran actividade e que se incorporasen a algunha nova orientación produtiva.

Así mesmo, cabe sinalar que podían sufragarse os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade, así como a cota anual de participación. A contía da axuda corresponde ao 100% dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos.


Enlace á resolución do DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210211/AnuncioG0528-010221-0004_gl.html
 

Imaxes relacionadas