Román Rodríguez afirma que a Xunta traballa en solucións para dar o mellor transporte escolar ao Courel

O conselleiro de Educación lanza unha mensaxe de tranquilidade ás familias e reitera o “absoluto apoio” do Goberno galego ao ensino no rural

Lembra que, precisamente, co ánimo de mellorar ao máximo as prestacións respectando o marco legal, a Consellería suspendeu o prazo de presentación de ofertas para analizar máis polo miúdo todas as achegas

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, subliñou hoxe no Parlamento que o servizo de transporte escolar do Courel vai seguir funcionando con todas as garantías, e que as familias, ao igual que o conxunto dos veciños desta zona, “poden estar absolutamente tranquilos” a este respecto, xa que unha das prioridades do Goberno galego é o apoio ao rural galego, coa implementación e mellora continua de servizos, incluídos os educativos.

Román Rodríguez explicou ante o pleno da Cámara autonómica que a nova licitación para a renovación de case 1.600 rutas de transporte escolar −entre as que se inclúen as de Folgoso do Courel− estase levando a cabo seguindo os procedementos administrativos que son de obrigado cumprimento, isto é, de acordo coa Lei de Contratos Públicos e coas directivas europeas en materia de transporte.

Precisamente co ánimo de “deseñar e garantir o mellor plan de transporte posible, tendo en conta todas as peculiaridades e particularidades, e sempre dentro da legalidade”, o pasado xaneiro a Consellería acordou “de motu propio” suspender o prazo de presentación de ofertas co fin de analizar “polo miúdo” as alegacións presentadas polos distintos colectivos implicados no proceso.

Fronte ás críticas dos grupos da oposición, Román Rodríguez insistiu que o seu departamento está traballando para corrixir todas as posibles deficiencias de carácter técnico ou de deseño que puideran xurdir para a prestación deste servizo complementario, que é fundamental nos concellos do rural, sempre sen obviar o marco legal.

O conselleiro explicou tamén que “en ningún momento se exclúe do servizo aos taxistas da zona, pero teñen que participar no concurso dalgunha maneira”, de aí que se lles dean facilidades a través de acordos e cooperación entre eles.

Plan de Atención Virtual

Doutra banda, o conselleiro tamén respondeu a unha pregunta sobre o Plan de Ensino Virtual, deseñado para minimizar os efectos da pandemia no contexto educativo e garantir que o proceso de ensino siga en marcha en caso de corentenas ou hipotéticos confinamentos se as autoridades sanitarias así o determinaran.

A pesar de que os casos baixaron nun 23% na última semana, con 900 positivos menos, Román Rodríguez reiterou que “debemos estar preparados por se nalgún momento a situación epidemiolóxica require pasar á atención telemática”. De aí que se deseñara en novembro un Plan de Atención Virtual, que abrangue un sistema regrado e estable de docencia con rutinas similares ás do ensino presencial a través dos horarios-espello, que permite a realización de tarefas, a interacción entre alumno e profesor e a avaliación do progreso do estudante. Este Plan conta ademais cos recursos tecnolóxicos necesarios e cunha formación específica para o profesorado.

O conselleiro de Educación salientou que a experiencia ata o de agora, con máis de 7,5 millóns de interaccións a aulas virtuais, está sendo positiva. De feito puxo como exemplo o ensino virtual que se está levando a cabo estas semanas nas Escolas Oficiais de Idiomas e nos centros de réxime especial (conservatorios e escolas de arte, danza e deseño) con total normalidade, unha decisión adoptada polo Comité Clínico co fin de reducir a mobilidade das persoas no marco das medidas xerais decretadas para un período de tres semanas.

Imaxes relacionadas