A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade defende no Parlamento que as bonificacións das tarifas e os problemas relacionados coa AP-9 estarían máis cerca de solucionarse de seren abordados entre Xunta e Goberno nese foro

Ethel Vázquez pide a convocatoria urxente da comisión sobre a AP-9 para abordar as bonificacións das peaxes e avanzar no diálogo para a transferencia da autoestrada a Galicia

Destaca que o traspaso da titularidade e das competencias da AP-9 á Comunidade permitiría unha xestión máis directa, eficaz e máis xusta para os galegos

Advirte que a transferencia debe vir acompañada da dotación económica e técnica necesaria para a correcta xestión da autoestrada ata o remate da concesión, cos recursos para executar as ampliacións de capacidade e as melloras previstas

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, pediu hoxe novamente que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana convoque de forma urxente a Comisión conxunta sobre a AP-9 para poder abordar as bonificacións na autoestrada e avanzar no diálogo de cara a súa transferencia a Galicia.

Ethel Vázquez defendeu esta tarde no Pleno do Parlamento que as bonificacións das tarifas e os problemas relacionados coa Autoestrada do Atlántico estarían máis cerca de poder solucionarse de ser abordados conxuntamente entre o Goberno galego e o Goberno de España neste foro, cuxa convocatoria a Xunta ten solicitado en reiteradas ocasións, sen que fosen atendidas as súas peticións.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade referiuse á nova etapa que se abriu a semana pasada, coa admisión a trámite no Congreso dos Deputados, da proposición de lei para a transferencia da titularidade e das competencias da AP-9 a Galicia.

Lembrou que este é o primeiro de moitos pasos para lograr que a Autoestrada do Atlántico, a arteria que vertebra a Comunidade, estea realmente ao servizo dos intereses dos galegos e non supeditada ao “son da mesma música”, do Goberno central e Audasa, “moi pouco galega”.

Ethel Vázquez salientou que a transferencia da AP-9 á Comunidade permitiría unha xestión máis directa, eficaz e máis xusta para os galegos. Concretou que a Xunta podería facer unha xestión da autoestrada máis eficiente e pegada ao territorio, velar con maior eficacia pola calidade do servizo que se lle presta aos cidadáns; e ofrecer unha resposta máis áxil e achegada ás necesidades dos galegos.

Con todo, advertiu que é básico que Galicia asuma a titularidade da autoestrada coas condicións máis xustas para os galegos. Salientou, neste sentido, a necesidade de que a transferencia da AP-9 a Galicia veña acompañada da dotación económica e técnica necesaria para a súa correcta xestión ata o remate da concesión e cos recursos precisos para realizar todas as melloras previstas, tanto de seguridade como de ampliación da capacidade.

Tamén se deberá ter en conta as obras pendentes para enlazar esta autoestrada con outros viais importantes e mellorar a súa funcionalidade: como o vial 18 na Coruña; o enlace Orbital, en Santiago; o nó de bombeiros, en Pontevedra; ou os enlaces en Teis e a integración urbana da AP-9 en Vigo,

Na súa intervención a titular de Infraestruturas da Xunta puxo de relevo a crónica de agravios que veñen sufrindo os galegos en relación á AP-9, ao ver subir as peaxes mentres noutras autoestradas estatais se eliminan ou se rebaixan.

Referiuse ao descrédito do Goberno de España, incapaz de cumprir cos seus propios compromisos: autorizou unha nova suba extraordinaria das peaxes da AP-9 desde o pasado 1 de xaneiro, de case o 1%, a pesar de ser coñecedor do ditame do Consello Consultivo de Galicia que considera ese incremento extraordinario das tarifas “nulo de pleno dereito”; tampouco aplicou as bonificacións comprometidas nas peaxes; nin liberou aínda a peaxe de Redondela, que agarda desde 2018.

Ademais, o Executivo estatal segue sen atender as demandas dos veciños de Redondela, que agardan o arranxo dos viarios e as pantallas antirruído comprometidas, especialmente necesarias neste contexto da covid, no que os profesores, para poder ter as ventás abertas e ventilar, se ven na obriga de impartir as clases con micrófono.

Imaxes relacionadas