A Xunta urxe ao Goberno central cubrir as prazas vacantes e completar canto antes o cadro de persoal da Policía Autonómica

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, explicou hoxe no Parlamento galego que a plantilla se atopa ao 80% pese ao aumento de competencias para loitar contra a covid-19 e reforzar a seguridade no Xacobeo

O Goberno galego mantén o apoio ao corpo de seguridade desde o inicio da pandemia con controis para detectar o coronavirus e material de protección, así como a dotación de novos vehículos e o acondicionamento das distintas sedes

Alfonso Rueda incidiu na necesidade de que Ministerio do Interior apoie e autorice a posta en marcha no Monte do Gozo dunha comisaría de atención ao peregrino que se converta en punto de referencia policial no Xacobeo 2021

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe no Parlamento galego a necesidade de que o Goberno central cubra as prazas vacantes e complete canto antes o cadro de persoal da Policía Autonómica, que actualmente se atopa ao 80% con 388 axentes dos 500 previstos.

Alfonso Rueda advertiu que a plantilla verase máis mermada aínda nos próximos meses ata acadar niveis de 2003 e pese ao aumento de competencias asignadas. Nesta liña, ás funcións en materia de seguridade, prevención e investigación de incendios, protección de vítimas de violencia de xénero e menores, loita contra o furtivismo e marisqueo ilegal, ou protección do medio natural e patrimonio cultural, súmanse nas actuais circunstancias derivadas da covid-19, a vixilancia das medidas de prevención adoptadas polas autoridades sanitarias.

Ademais, lembrou que tanto neste ano como en 2022 debido ao Xacobeo prevese unha maior afluencia de visitantes que requirirá reforzar a seguridade coa creación dun grupo específico para a atención aos peregrinos, motivo polo cal a Xunta urxe o incremento de efectivos co obxectivo de garantir a seguridade nas distintas rutas do Camiño de Santiago.

Por outra parte, o vicepresidente primeiro da Xunta aclarou que se mantén un contacto permanente coas diferentes organizacións sindicais da Policía Autonómica para atender as demandas vinculadas ás competencias do Goberno galego.

A Xunta apoiou desde o inicio da pandemia aos axentes deste corpo de seguridade a través da realización de controis PCR para detectar a covid-19; coa dotación de medidas de protección coa entrega de 40.000 máscaras, 25.000 guantes e 450 litros de hidroxel; así como 73 chalecos antibalas, aínda que neste caso a competencia é do Ministerio do Interior.

Do mesmo xeito, a Xunta renovou nos últimos anos a frota de vehículos da Policía Autonómica coa entrega de 75 vehículos, 13 deles o ano pasado. Tamén se levaron a cabo actuacións de acondicionamento nas distintas sedes e o novo edificio da Cidade da Xustiza de Vigo contará cunha sede.

Alfonso Rueda tamén reiterou a solicitude ao Goberno central para que apoie e autorice a posta en marcha dunha comisaría de atención ao peregrino no Monte do Gozo que se converta no punto de atención policial de referencia no Xacobeo 2021 para os peregrinos que cheguen a Compostela. O Goberno galego comprometese a levar a cabo as actuacións necesarias para acondicionar un pavillón deste recinto e reclama a implicación do Executivo central para comezar o proxecto.

Imaxes relacionadas