A Xunta adapta o horario dos autobuses entre Noia e Ribeira para reducir as esperas dos estudantes á saída dos institutos

Este venres 12 farase efectivo o cambio polo que o autobús adiantará a súa saída de Noia ás 15:05 horas, unha vez cumprido o prazo establecido dunha semana desde a autorización

Desta forma facilitarase o regreso aos domicilios dos estudantes, usuarios maioritarios do servizo nesa franxa horaria, tal e como solicitaron os centros educativos

Trátase dun axuste froito do seguimento realizado nas primeiras semanas de funcionamento do Plan de transporte público de Galicia, que mellora notablemente as comunicacións entre Ribeira, Porto do Son, Noia e Santiago de Compostela

A Xunta destina 1,16 millóns de euros cada ano ao mantemento das 58 liñas de autobús que dan servizo na comarca, das cales 34 son integradas e 33 contan con servizos baixo demanda

Este contrato atende un total de 348 paradas e traslada a máis de 1.000 escolares nun día lectivo medio

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021

A Xunta decidiu adaptar o horario de saída dos autobuses que trasladan aos estudantes de Noia ata Ribeira, coa fin de axustalo á saída dos institutos e reducir as súas esperas na estación.

O cambio de horario será efectivo desde este venres, día 12 de febreiro, unha vez transcorrido o prazo establecido dunha semana desde a aprobación para as modificacións dos horarios.

A partir dese día, o autobús adiantará a súa saída de Noia ás 15:05 horas, facilitando así o regreso aos domicilios dos estudantes, que son os usuarios maioritarios dese servizo.

Con esta medida a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade atende a solicitude dos centros educativos e axusta o funcionamento do transporte público á súa xornada lectiva, facilitando os desprazamentos do alumado entre Noia, Porto do Son e Ribeira.

Este traxecto forma parte do contrato de concesión para a comarca do Barbanza que botou a andar o pasado 23 de decembro.

Nos primeiros momentos da implantación efectiva considerouse máis adecuado trasladar ás 15:30 horas a expedición que tiña a saída de Noia ás 15:00 horas, de xeito que atendese os traslados dos estudantes dos institutos e, á vez, dese tempo a que chegasen á estación de autobuses outros posibles viaxeiros.

Porén, a información trasladada polos centros educativos noieses e o seguimento que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén sobre o funcionamento do transporte público, especialmente intenso nos contratos de implantación máis recente, permitiu determinar que os principais usuarios desa expedición son estudantes.

Polo tanto, procedeuse a tramitar o preceptivo procedemento administrativo que aprobou a recuperación do horario ás 15:05 horas, que reduce as esperas dos alumnos na estación.

O Goberno galego agradece a colaboración dos centros educativos en materia de transporte, pois axuda a manter o servizo o mellor axustado posible ás necesidades da cidadanía.

O novo contrato XG847-comarca do Barbanza implantado en decembro supuxo melloras na coordinación dos servizos entre Ribeira, Porto do Son, Noia e Santiago de Compostela, minimizando os tempos de espera. Ademais, estendeu a cobertura territorial grazas á integración das liñas escolares nos concellos deste ámbito e ampliou a conexión co Hospital do Barbanza ata acadar 24 servizos diarios de luns a venres desde a primeira hora da mañá ata a noite.

O mapa de servizos desta área está composto agora por 58 liñas, das cales 34 son integradas e en 33 funcionan servizos baixo demanda, atendendo un total de 348 paradas e trasladando máis de 1.000 escolares nun día lectivo medio.

En total, a nova oferta de transporte público desta comarca superará os 140.000 servizos anuais, sumando máis de 2,5 millóns de quilómetros percorridos por 43 autobuses e dando emprego a 50 condutores e 18 acompañantes.

A Xunta inviste máis de 1,16 millóns de euros anuais ao mantemento deste contrato.

Imaxes relacionadas