O delegado territorial da Xunta en Ourense participa no comité asesor da 9ª edición do Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade

O comité asesor confirmou que Ourense Vinis Terrae celebrarase o 14 e 15 de xuño de 2021 en formato híbrido

O delegado territorial sinalou que “o obxectivo deste cambio de formato é seguir garantindo a maior presenza posible de importadores nacionais ou internacionais que manterán citas de negocio coas adegas galegas

Ourense, 10 de febreiro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá por videoconferencia no comité asesor da 9ª edición do Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade que se reuniu virtualmente para perfilar as accións que contribúan a abrir novas canles de comercialización para as adegas.

O comité asesor confirmou que Ourense Vinis Terrae, Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade celebrará a súa 9ª edición os días 14 e 15 de xuño de 2021 e farao reconvertido a evento híbrido entre presencial e virtual para adaptarse ao novo contexto provocado pola pandemia mundial.

O delegado territorial sinalou que “o obxectivo deste cambio de formato é seguir garantindo a maior presenza posible de importadores nacionais ou internacionais que manterán citas de negocio coas adegas galegas de xeito directo no recinto de Expourense ou ben de xeito virtual a través da plataforma dixital que a organización poñerá a disposición dos expositores”. Este formato híbrido para as reunións de negocio xa foi probado con éxito en accións profesionais organizadas con anterioridade por Expourense como foi o caso do Workshop de Turismo de Saúde e Benestar celebrado o pasado mes de novembro.

Gabriel Alén anuncioulle ao comité asesor de Expourense a nova de que a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) os beneficiarios e as axudas concedidas en 2020 ao abeiro de tres convocatorias destinadas a fomentar a calidade alimentaria entre os consellos reguladores e as asociacións de produtores. En total, outorgáronse algo máis de catro millóns de euros a unha trintena de entidades.

O representante do Goberno galego tamén lle deu conta da publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) da resolución da Consellería do Medio Rural pola que se dan a coñecer os beneficiarios das axudas para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas do ano 2020. Así, un total de 31 adegas beneficiáronse dunha subvención total que ascende a 2,3 millóns de euros.

Nesta nova edición, Ourense Vinis Terrae seguirá posicionado como un evento 100% profesional, galego e de calidade, xa que só poderán participar como expositores adegas adscritas ás distintas Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas de viños e licores de Galicia.

Obxectivos

O novo formato e os obxectivos deste salón foron presentados esta mañá pola directora adxunta de Expourense, Emma González, na primeira reunión virtual do comité asesor de Ourense Vinis Terrae na que participaron o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; a xefa do servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria da Agacal, María José González; e os presidentes ou directivos dos cinco consellos reguladores de denominación de orixe de viño de Galicia (Monterrei, Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Rías Baixas) ademais do de Licores e Augardentes de Galicia.

Nesta reunión foron seleccionados os potenciais mercados de interese para o viño galego dentro dos cales se seleccionarán aos importadores que participarán na vindeira edición de Ourense Vinis Terrae. Tamén se abordou o tema das actividades profesionais como o Túnel do Viño ou as catas comentadas. Estas últimas poderán seguirse tamén de xeito virtual.

Expourense converterase de novo nun centro de negocios que facilitará o contacto directo entre as adegas e produtores de licor e augardente das distintas denominacións galegas, a través de citas con compradores nacionais e importadores procedentes de distintos países do mundo, para que deste xeito o salón se transforme nun foro de intercambio comercial e empresarial.

Imaxes relacionadas