A Xunta destina 110.000 euros a incentivar a adquisición de taxis accesibles e pouco contaminantes en 12 concellos lucenses

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que a Administración galega aprobou nove axudas para vehículos adaptados e cinco para os de baixas emisións

Arias mantivo un encontro con profesionais do taxi de Lugo e informou de que está aberta unha nova convocatoria de achegas, que poden solicitarse ata mediados de outubro

Lugo, 10 de febreiro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aprobou axudas por valor total de 110.000 euros destinadas ao sector do taxi da provincia de Lugo para adquirir vehículos accesibles e de baixas emisións.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, indicou que no marco da convocatoria do ano pasado concedéronse nove axudas por valor de 90.000 euros para comprar taxis adaptados a persoas con mobilidade reducida e cinco que suman 20.000 euros para vehículos pouco contaminantes.

En total hai 13 beneficiarios de 12 concellos: Viveiro, Portomarín, Cospeito, Baralla, Bóveda, Negueira de Muñiz, A Pobra do Brollón e Láncara -na liña de fomento da accesibilidade-, Mondoñedo -nas dúas liñas- e Lugo, Rábade e Monforte de Lemos -para transporte co distintivo Eco-.

Así o explicou hoxe Arias durante un encontro en Lugo con profesionais do ramo que modernizaron os seus taxis co apoio da Xunta. O delegado informou de que a Administración galega acaba de abrir unha nova convocatoria de subvencións que inclúe financiamento para comprar vehículos accesibles (eurotaxis), así como para taxis eléctricos e híbridos ou de gas coa fin de facilitar a mobilidade coa menor contaminación posible.

As axudas poden solicitarse ata mediados do próximo mes de outubro. Os importes son de 10.000 euros no caso do transporte adaptado, de 6.000 euros para o de cero emisións e de 4.000 euros para o de baixas emisións. Nesta convocatoria inicial do ano 2021 destínanse 350.000 euros, que subvencionarán a adquisición de vehículos desde o comezo do mes de abril do ano pasado e ata o vindeiro mes de novembro ou ata o esgotamento do crédito.

O delegado destacou que esta medida forma parte da liña de colaboración da Xunta cos profesionais do taxi, “co fin de apoiar o esforzo do sector por modernizarse e ser máis competitivos, especialmente neste escenario de pandemia no que están a sufrir as consecuencias da caída da mobilidade”.

Así mesmo, sinalou, “avánzase no obxectivo prioritario de que un servizo básico como o transporte público sexa accesible a todas as persoas, non só nas cidades senón tamén nas contornas rurais”, ademais de contribuír a reducir as emisións contaminantes.

Imaxes relacionadas