A Xunta e o Concello de Lalín estudan a posibilidade de impulsar un instrumento de mobilización de terras na zona

O conselleiro do Medio Rural e o alcalde mantiveron un encontro para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio pontevedrés

A Consellería destina para este ano no concello máis de 125.000 euros para o arranxo das vías de comunicación, relativo ao Plan de Infraestrutura Rurais (PIR) e ao Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha xuntanza co alcalde de Lalín, José Crespo, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio pontevedrés. Neste senso, analizaron os posibles instrumentos de mobilización de terras máis acaídos, tendo en conta a orientación gandeira da zona, e que terán especial implantación tras a aprobación da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Na xuntanza tamén estivo o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

Así, o conselleiro sinalou que esta lei ten como principal obxectivo promover a recuperación da terra abandonada ou infrautilizada e darlle base territorial a quen a desexe traballar. Desta forma, preténdese revitalizar o rural e traballar así pola recuperación demográfica, pola mellora da calidade de vida da poboación e pola anticipación aos lumes forestais.

Noutra orde de cousas, ambos dirixentes analizaron a necesidade de mellora das infraestruturas rurais do concello. Nesta liña, José González destacou a importancia do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR), que permite axudar de forma urxente aos municipios con carencias en infraestruturas ou con mal estado das mesmas. Así, este ano levarase a cabo un proxecto para realizar tratamentos superficiais e o reforzo das vías municipais, cunha axuda de algo máis de 36.200 euros.

Doutra banda, dentro do Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022, o concello de Lalín ten outorgada unha contía de algo máis de 89.000 euros. Esta liña de achegas, destacou o conselleiro, permite acondicionar as vías que dan acceso ás parcelas agrarias, que son as canles de entrada e saída das producións rurais. Co arranxo deses camiños, salientou o titular de Medio Rural, a Xunta non só contribúe á accesibilidade e vertebración do territorio senón tamén ao aumento da competitividade agraria e forestal, xa que facilitando o tránsito de maquinaria ás explotacións conséguese tanto unha maior axilidade das operacións como unha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural