A Xunta aposta pola colaboración público-privada para traballar conxuntamente nas oportunidades e retos da reactivación

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou na presentación da publicación ‘Después de la pandemia. Reflexiones y desafíos para Galicia’, editada por Ieside, a necesidade de achegar respostas diferentes a cada un dos sectores segundo as súas necesidades

Lembra que para dar resposta ás necesidades máis inmediatas se activan 160 millóns de euros en 90 días en axudas directas a través do Plan de rescate
 

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, apostou hoxe pola colaboración público-privada como un elemento determinante para paliar os efectos da crise, sinalando a necesidade de traballar conxuntamente nos retos e oportunidades que se abren tras a pandemia.

Durante a presentación da publicación Después de la pandemia. Reflexiones y desafíos para Galicia, editada por Ieside, Conde apuntou á necesidade de achegar solucións diferentes para cada un dos sectores segundo a súa afectación, destacando que a algúns como o TIC, a automoción e o agroalimentario se lle presentan oportunidades xa no curto prazo. O vicepresidente económico sinalou que, por unha banda, son necesarias medidas de choque para dar unha resposta aos sectores máis afectados. Nun primeiro momento, estas medidas centráronse no ámbito financeiro, e agora, tal e como apuntou, cómpre dar resposta desde o punto de vista da solvencia. Neste ámbito, lembrou que a través do Plan de rescate específico para autónomos, microempresas, hostelería e comercio, actívanse 160 millóns de euros en 90 días en axudas directas.

Por outro lado, a Xunta traballa en medidas que contribúan á transformación da economía galega, e unha das ferramentas é a Lei de reactivación, que está na súa fase final de tramitación no Parlamento de Galicia co obxectivo de converter á Xunta na administración áxil que necesitan as empresas, facilitando a captación e a execución de proxectos como os que optan aos fondos europeos Next Generation, cunha candidatura que aposta por unha industria máis verde e dixital, e en consecuencia, unha economía máis resiliente e apoiada no coñecemento e a innovación.