A Xunta e o Concello da Veiga impulsan a aldea modelo de Meixide e estudan a implantación de novos instrumentos de mobilización de terras

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e o alcalde da localidade ourensá analizaron as posibilidades que ofrece no municipio a futura Lei de recuperación da terra agraria, entre outros asuntos

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, mantivo unha xuntanza co alcalde da Veiga, Juan Anta, para buscar fórmulas de impulso da aldea modelo de Meixide, así como para estudar a implantación de novos instrumentos de mobilización ao abeiro da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. O propio alcalde recoñeceu o gran valor desta futura norma como ferramenta para mobilizar terras abandonadas, así como a enorme disposición da directora xeral para desenvolver todas esas posibilidades.

Así, por unha banda, no encontro avanzouse que se apostará pola roza natural na aldea modelo de Meixide, establecendo na zona gando bovino. Ao tempo, avaliaranse posibles actuacións de dinamización do núcleo urbano, unha vez quede aprobada a norma. Cabe lembrar que esta aldea modelo abrangue unha superficie de 71,28 hectáreas, divididas en 647 parcelas dun total de 151 propietarios. A maiores, a directora xeral da Agader avaliou co rexedor da Veiga a posibilidade de promover outros instrumentos de mobilización de terras no municipio, como un polígono agroforestal, entre outras opcións.

A próxima convocatoria de proxectos ao abeiro da medida Leader en beneficio dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia ou propostas de mellora de distintas infraestruturas viarias no concello ourensán foron outros dos temas tratados na reunión.

Nesa liña, ambos dirixentes analizaron a necesidade de mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais mediante o acondicionamento das súas principais vías de comunicación. Para iso, a directora xeral lembroulle ao rexedor as posibilidades que contempla o Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022 e cuxo orzamento para o municipio da Veiga é de algo máis de 49.000 euros.
 

Imaxes relacionadas