Máis de 4.600 produtores de gando vacún beneficiáronse de case 7 M€ das axudas directas da Xunta polas restricións da covid-19

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución de beneficiarios destas achegas que xestionou a Consellería do Medio Rural

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se dan a coñecer os beneficiarios das axudas temporais e excepcionais aos sectores agrarios máis desfavorecidos pola incidencia da crise da covid-19. Así, un total de 4.621 produtores de gando vacún recibiron preto de sete millóns de euros para sufragar parte das perdas ocasionadas pola emerxencia sanitaria.

Cabe sinalar que esta liña de achegas foi temporal e excepcional. Así, as especiais circunstancias que se produciron como consecuencia da covid-19 provocaron amplas restricións de movementos dos produtos agroalimentarios, así como o peche obrigatorio de establecementos comerciais, mercados, restaurantes, outros establecementos hoteleiros, actividades culturais e actividades recreativas, ocasionando unha interrupción económica para determinadas actividades do sector primario que, como consecuencia, causou problemas de liquidez e fluxo de caixa para os produtores.

De aí que a Consellería do Medio Rural sacase unha orde de axudas directas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A selección dos sectores máis afectados -vacún de carne e o sector da planta ornamental e flor cortada, que tamén recibiron axudas- fíxose de xeito consensuado cos integrantes do Consello Agrario, no que están representadas as organizacións profesionais agrarias, aos que se lles pediu colaboración para determinar aqueles eidos máis prexudicados. Así, para seleccionalos tivéronse en conta criterios obxectivos sobre perdas constatables que puidesen supoñer un risco para a súa continuidade empresarial.

No caso das axudas directas de vacún de carne, os beneficiarios destas subvencións foron os titulares de explotacións agrarias con orientación produtiva cárnica de vacún, inscritas no REAGA con clasificación zootécnica de reprodución para produción de carne ou mixta, e que tiveran ao menos 10 vacas nutrices, calculadas a data 14/03/2020 en base á información existente na base de datos oficial de explotacións gandeiras e de identificación individual dos animais bovinos.

Plan de reactivación

As axudas hoxe resoltas dan cumprimento ao Plan de reactivación e dinamización da Consellería do Medio Rural fronte aos efectos da covid-19, dotado con 165 millóns de euros dos cales 24 millóns estaban destinados a axudas directas a produtores e pemes afectados por esta situación.


Enlace á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210210/AnuncioG0426-220121-0005_gl.html
 

Imaxes relacionadas