A Xunta destinou no 2020 algo máis de 4 millóns de euros en axudas para fomentar a calidade entre os consellos reguladores e as asociacións de produtores

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución de tres liñas de achegas que xestiona a Consellería do Medio Rural

Unha das liñas está destinada a apoiar a promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, outra a subvencionar os gastos de funcionamento dos consellos reguladores e unha terceira a sufragar programas de calidade desenvolvidos por estes organismos

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) os beneficiarios e as axudas concedidas en 2020 ao abeiro de tres convocatorias destinadas a fomentar a calidade alimentaria entre os consellos reguladores e as asociacións de produtores. En total, outorgáronse algo máis de 4 millóns de euros a unha trintena de entidades. Moitas delas recibiron achega de máis dunha liña de subvencións.

En primeiro lugar, as axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada supuxeron un investimento de 3,1 millóns de euros e serven para apoiar actuacións como a mellora da comercialización, a organización de feiras e a asistencia a certames comerciais. En 2020 resultaron beneficiados un total de 23 consellos reguladores, asociacións e agrupacións de produtores que conseguiron axuda para un total de 58 accións.

No que se refire ás subvencións aos consellos reguladores das denominacións de calidade para sufragar os seus gastos de funcionamento, a Consellería do Medio Rural destinou 600.000 euros a un total de 24 beneficiarios. Entre os gastos subvencionables están os custos de persoal, incluídas as cotizacións á Seguridade Social e as retencións do IRPF, e bens correntes e de servizos relacionados coa actividade normal dos consellos reguladores, tales como: alugueiro de locais, bens funxibles, electricidade, telefonía, auga, gas, envíos e mensaxeira, pólizas de seguros, gastos de desprazamento, manutención, aloxamento, etc.

Por último, en canto ás achegas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominación de calidade agroalimentarias, repartíronse algo máis de 372.000 euros a un total de 16 entidades. Son obxecto destas axudas as actuacións encamiñadas a garantir a calidade e a orixe dos produtos das denominacións de orixe, das indicacións xeográficas ou da agricultura ecolóxica. Tamén recibirán axudas os estudos, as investigacións e o desenvolvemento de programas para a mellora da calidade dos produtos obxecto de protección ou os gastos relacionados coa acreditación do consello regulador e para o seu mantemento. Así mesmo, serán subvencionables os gastos para a acreditación nas normas ISO e para o seu mantemento.

Imaxes relacionadas