Un total de 31 entidades benefícianse das axudas de 2020 para fomentar a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas por un valor de 2,3 M€

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución de beneficiarios destas achegas que xestiona a Consellería do Medio Rural

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se dan a coñecer os beneficiarios das axudas para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas do ano 2020. Así, un total de 31 adegas beneficiáronse dunha subvención total que ascende a 2,3 millóns de euros.

Mediante esta liña de achegas, subvenciónanse os custos de construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, así como de compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto. Os principais obxectivos desta convocatoria son, entre outros, os de fomentar a agrupación dos primeiros elos da cadea alimentaria mediante a integración das entidades asociativas e o asociacionismo agrario e impulsar os procesos sustentables desde o punto de vista ambiental a través do aforro de enerxía, a eficiencia enerxética global, a utilización de enerxías renovables e a valorización e tratamento dos residuos.

Deste xeito preténdese fomentar a certificación ambiental das instalacións das empresas vitivinícolas, a produción ecolóxica e os produtos acollidos a réximes de calidade e os pagamentos de uva por calidade. Outras finalidades pasan por favorecer a innovación e a implantación de novos produtos e novas presentacións, polo incremento da dimensión empresarial, pola participación dos viticultores e elaboradores na cadea de valor ou por impulsar os investimentos en comercialización e por impulsar a introdución das tecnoloxías dixitais nas empresas.

Os beneficiarios desta liña de subvencións son as empresas vitivinícolas, as organizacións de produtores vitivinícolas, as asociacións de dous ou máis produtores e as organizacións interprofesionais.

Enlace á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210210/AnuncioG0426-010221-0004_gl.html
 

Imaxes relacionadas