A Xunta renova os lectorados da Rede de Centros de Estudos Galegos con dez novas incorporacións docentes

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, mantivo hoxe a primeira reunión de coordinación por videoconferencia

O novo profesorado-lector inicia a súa actividade nas universidades de Barcelona, Estremadura, Granada, Nova de Lisboa, San Paulo, Bangor, Cork, Minho e Deusto, onde impartirá docencia ata o curso 2022-2023
 

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia vén de renovar 10 dos 27 lectorados de lingua, literatura e cultura galegas da Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos, despregada en 36 universidades de todo o mundo e coordinada desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, mantivo hoxe a primeira reunión de traballo mediante videoconferencia co novo profesorado-lector que inicia a súa actividade docente en cinco universidades españolas (Barcelona e Autònoma de Barcelona, Estremadura, Granada e Deusto) e cinco universidades estranxeiras (Nova de Lisboa, San Paulo, Bangor, Minho e Cork) e que a desenvolverán durante un período de tres anos, ata o remate do curso académico 2022-2023.

Canda estas 10 novas incorporacións, outros 16 lectores e lectoras son os encargados de impartir docencia, investigar, visibilizar e darlle presenza ao patrimonio cultural e lingüístico galegos por medio de cursos, conferencias, seminarios, congresos etc. (agora na maior parte dos casos, virtuais, adaptados ás restricións da covid-19) desde os lectorados creados en virtude da sinatura de convenios entre o goberno autonómico e universidades do resto de España e do estranxeiro.

36 centros en Europa e América

Así, un total de 36 Centros de Estudos Galegos posibilitan e centran en boa medida a aprendizaxe e a proxección exterior da lingua, literatura e cultura de Galicia que a Xunta desenvolve no ámbito do ensino superior a nivel internacional. Nove deles radícanse en universidades españolas (Alacante, as catalás Autónoma de Barcelona e Barcelona, Estremadura, Granada, Complutense de Madrid, Salamanca e as vascas Vitoria e Deusto) e outros 27 en universidades europeas e americanas: as alemás de Berlín, Kiel, Heidelberg e Leipzig; as brasileiras de San Paulo, Federal Fluminense, Río de Xaneiro e Bahia; Croacia, A Habana, Nova York, Finlandia, París, Hungría, as italianas de Pádova, Peruglia e Roma; Cork, as polacas de Cracovia e Varsovia; as portuguesas do Algarve, do Minho e Nova de Lisboa; Bangor, Oxford, a rusa de San Petersburgo e a suíza de Zürich.

En primaria e secundaria en Castela e León, Londres, Arxentina e Venezuela

Para alén de na Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos, o ensino e a aprendizaxe do galego tamén se impulsan en colaboración coa Junta de Castilla y León, a través do Protocolo de promoción do galego no Bierzo e en Sanabria e en centros de referencia da colectividade emigrante, como o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires (na Arxentina), o IE Vicente Cañada Blanch de Londres ou o Colexio Castelao de Caracas (en Venezuela).

A maiores, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Instituto Cervantes colaboran para ofrecer a aprendizaxe da lingua galega no marco da oferta académica e noutras actividades impulsadas desde o Espazo das Linguas Ibéricas.
 

Imaxes relacionadas