A Xunta tramitou o pagamanento de 1,1 M€ entre os beneficiarios do bono social térmico e do eléctrico na comarca da Coruña

As axudas compensan os gastos dos consumidores máis vulnerables polo uso da calefacción e auga quente ou cociña e polo uso da electricidade

A Coruña, 09 de febreiro de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta tarde as instalacións da Cruz Vermella na Coruña e participou nun encontro de traballo coa súa presidenta, Carmen Colmeiro. Na reunión o representante do Goberno autonómico informou que a Xunta de Galicia tramitou no 2020 o pagamento de 1,1 millóns de euros entre os beneficiarios do bono social térmico e do bono social eléctrico en 21 concellos da comarca da Coruña.

Trenor informou que “1.017 persoas recibiron axudas do bono eléctrico e 11.989 persoas foron beneficiadas polo bono térmico.En moitos casos un mesmo beneficiario recibe ambas axudas”

Bono térmico

O bono social térmico é un programa de concesión de axudas directas para compensar os gastos económicos dos consumidores máis vulnerables polo uso de calefacción, auga quente ou cociña. Os beneficiarios son os mesmos que os que teñen concedido o bono social eléctrico a 31 de decembro de 2019 e o importe a ingresar depende tanto da vulnerabilidade da familia como da zona climática na que estea a vivenda. No caso de Galicia oscila entre os 49,84 e os 123,94 euros.

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Inega, está distribuíndo este bono transferido polo Ministerio para la Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Bono eléctrico

Galicia foi a primeira comunidade en ofrecer axudas complementarias, e así, a Xunta cobre o 50% do pagamento da factura eléctrica dos consumidores vulnerables severos e garante ao mesmo tempo que non van sufrir ningún corte no servizo.

Este complemento, cunha contía máxima anual de 300 ou 450 euros -no caso de familias numerosas. Esta axuda compleméntase co protocolo de colaboración asinado coas comercializadoras de referencia para evitar o corte de subministración entre os consumidores más vulnerables.

Imaxes relacionadas