A Xunta e o Concello de Coristanco impulsarán o sector da pataca a través dun Plan estratéxico e de distintos instrumentos de mobilización de terras

O conselleiro do Medio Rural mantivo un encontro telemático co alcalde desta localidade coruñesa, acompañado dos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Ademais de analizar os retos de futuro do sector da pataca, tratouse a posibilidade de darlle un pulo a outros cultivos ou a anticipación aos lumes forestais
 

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha xuntanza por videoconferencia co alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé. No encontro, analizáronse distintas medidas para impulsar o sector da pataca, de vital importancia para este municipio coruñés.

Así, o conselleiro aproveitou a reunión telemática para trasladarlle ao rexedor a intención de implicar ao Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte na elaboración dun Plan estratéxico para potenciar a produción do tubérculo na zona, ao abeiro da IXP Pataca de Galicia. Deste xeito, a finalidade é abordar un estudo de mercado para avaliar as distintas posibilidades existentes para darlle un pulo a este cultivo.

Co obxectivo de ir máis aló e ampliar a superficie desta e outras producións no concello de Coristanco, no encontro tamén se analizaron os distintos instrumentos de mobilización de terras que terán especial implantación tras a aprobación da futura Lei de recuperación da terra agraria. Así, falouse das vantaxes que ofrecen os polígonos agroforestais, pero tamén de mecanismos como as agrupacións de xestión conxunta.

Por outra parte, avanzouse que no monte veciñal en man común Río do Sol, baixo xestión da Xunta de Galicia, vaise tramitar -ao longo do primeiro semestre deste ano- un proxecto de tratamentos silvícolas por un orzamento que supera os 237.000 euros. A iniciativa contempla rozas, podas -coa necesaria trituración dos restos destas operacións- e a eliminación dos pés ventureiros de acacia e eucalipto.


Así mesmo, no encontro falouse tamén da anticipación aos lumes forestais mediante traballos preventivos, da extinción e da posible contribución do Concello á renovación da rede de puntos de encontro a disposición dos efectivos antiincendios da Consellería.

 

Imaxes relacionadas