A Xunta impulsa un plan formativo para mellorar a comercialización e a presenza dixital dos obradoiros artesáns

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia Pérez, participa hoxe no inicio do primeiro dos cursos, centrado nas diferentes canles da venda en liña

A Fundación Artesanía de Galicia ten programadas cinco actividades, que abordarán tamén aspectos como o uso profesional das redes sociais, a publicidade online ou na xestión empresarial
 

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2021

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Fundación Artesanía de Galicia, ten programadas para a primeira parte do ano cinco accións formativas para mellorar a comercialización e a presenza dixital dos obradoiros artesáns galegos. O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participa hoxe no inicio do primeiro destes cursos, Venda online nas distintas canles: web propia, marketplaces e vendas nas redes sociais, que estará impartido polo consultor e docente Javier Rocamora e continuará os días 11, 17, 18, 23 e 25 de febreiro.

Tras a boa acollida por parte do sector do curso de marketing dixital e xestión de redes sociais realizado a finais de 2020, Javier Rocamora repite como docente e será o encargado de impartir tres cursos relacionados co marketing dixital, a venda online e o uso profesional das redes sociais. Para estas actividades formativas haberá 20 prazas dispoñibles e os obradoiros participantes terán a posibilidade de traballar en titorías personalizadas, unha vez rematada a parte teórica.

Este primeiro curso estará centrado na comercialización online do produto artesán, e os asistentes achegaranse a este sistema de vendas e adquirirán as ferramentas necesarias para autoxestionar unha tenda online básica, para interpretar os datos estatísticos de visitas á súa web e coñecer as diferentes alternativas e plataformas de comercio electrónico que teñen á súa disposición. Ademais, o docente asesorará os obradoiros participantes na creación do seu propio modelo de comercio electrónico, en función das súas necesidades particulares.

O curso Uso profesional das redes sociais, con especial incidencia en Facebook e Instagram celebrarase os días 2, 4, 9, 11 e 16 de marzo. E Publicidade online en Google e Facebook: creación e interpretación de resultados de campañas publicitarias terá lugar os días 18, 23, 25 e 30 de marzo.

Entre os días 22 e 24 de febreiro, está programado realizar o curso Como crear un vídeo titorial de elaboración de produto, a cargo de Manuel Silva. Neste curso os artesáns poderán aprender a amosar, dun xeito visual e práctico, o proceso artesanal empregado para a realización dun produto, así como a difundilo a través de diferentes plataformas. Os requisitos para realizar o curso son dispoñer dun móbil, cámara de fotos ou cámara de vídeo, para a gravación, e dun ordenador para a montaxe. O curso divídese nunha sesión colectiva de 4 horas e unha sesión individual de unha hora na que o docente analizará con cada participante a súa práctica de titorial que elaborou despois da sesión teórica.

O último dos cursos programado para esta primeira parte do ano estará centrado na xestión empresarial e impartido pola empresa de consultoría Implicatum. Ao longo desta actividade os 25 obradoiros participantes poderán profundizar en tres tipos de xestión relacionadas coa empresa: a xestión de operacións (compras, provedores, recursos e calidade), a xestión comercial (vendas, clientes, canles, estratexia de prezos ou políticas comerciais) e a xestión eco-financeira (gastos e ingresos, previsións e xestión financeira). Este curso realizarase durante os días 1, 3, 8, 10, 15, 17, 22, 24, 29 e 31 de marzo.

Durante o ano 2020 a Fundación Artesanía de Galicia introduciu a modalidade online na súa proposta formativa, ademais de potenciar os contidos relacionados coa presenza dixital e a difusión e a comercialización online, co obxectivo de apoiar o sector artesán galego na súa adaptación aos novos contextos socioeconómicos e na apertura de novas vías para achegar o seu produto aos clientes e afianzar as súas marcas.
 

Imaxes relacionadas