A Xunta abre a nova convocatoria de mellora de establecementos turísticos con 3,5 M€ tras conceder axudas a 23 negocios e locais de Pontevedra e o Salnés por 587.000€

A orde, que estará aberta ata o 4 de marzo, oriéntase a aloxamentos, albergues e negocios de restauración cun financiamento de ata o 50% e 50.000€ do total do investimento, o que supón un incremento do 42% con respecto a 2020

Esta liña, que pretende mellorar a calidade e a oferta coincidindo co dobre Ano Santo, subvencionará accións de accesibilidade, sustentabilidade, climatización, aforro enerxético, sistemas de xestión, embelecemento, seguridade e equipamento
 

Pontevedra, 9 de febreiro de 2021

A Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia acaba de abrir unha nova convocatoria da orde de axudas para a mellora e modernización dos establecementos turísticos cunha dotación de 3,5 millóns de euros, o que supón máis do dobre dos 1,5 millóns investidos nesta mesma liña o pasado exercicio.

Esta orde, cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 4 de marzo, está orientada a establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, casas de turismo rural, apartamentos turísticos, albergues -unha das novidades deste ano- e negocios de restauración co obxectivo de poidan que reforzar o seu servizo de calidade e dotarse dunha oferta competitiva e diferenciada, axudando a conferir confianza e seguridade nos viaxeiros, coincidindo co dobre Ano Santo 2021-2022.

Na convocatoria, xa aberta, recóllese que as axudas poden financiar ata o 50% do investimento realizado cunha contía máxima de 50.000€, o que supón un incremento do 42% nas achegas con respecto aos límites do 35% e os 35.000€ fixados en 2020.

As accións subvencionables inclúen medidas que garantan a accesibilidade e a supresión das barreiras arquitectónicas e que permitan obter certificacións, como a Q de Calidad Turística ou elevar a categoría do establecemento. Tamén se financiarán accións a prol da sustentabilidade, como a mellora da climatización coa posta en marcha de medidas de aforro enerxético, actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización, a modernización dos locais e o embelecemento da contorna, a dotación de equipamentos mobles para o seu funcionamento e a adaptación dos sistemas de seguridade e saúde.

Na anterior convocatoria, a Xunta de Galicia financiou un total de 80 proxectos de mellora de establecementos turísticos, dos que 41 correspondéronse coa provincia de Pontevedra e 23 deles coas bisbarras de Pontevedra e O Salnés.

Estas comarcas foron as máis beneficiadas de toda a comunidade e, ao abeiro desta orde, concedéronse axudas a aloxamentos e establecementos de restauración emprazados nos concellos de Pontevedra, Campo Lameiro, Sanxenxo, O Grove, Vilanova de Arousa e Meaño por un importe total de 587.000€.
 

Imaxes relacionadas