A Xunta resalta o labor realizado polos profesionais dos centros de menores galegos durante a pandemia sanitaria provocada pola covid-19

Traslada o seu agradecemento a todos os traballadores, cuxo esforzo é fundamental para o benestar e desenvolvemento de todos os menores aos que protexen, educan, escoitan e dan cariño

Santiago de Compostela, 9de febreiro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, resaltou hoxe, durante unha videoconferencia cos directores dos centros de menores públicos, o labor realizado polos profesionais destas institucións durante a pandemia sanitaria provocada pola covid-19. A titular do departamento autonómico salientou que o Goberno galego intensificou durante a crise sanitaria a comunicación cos responsables destes servizos para coñecer de primeira man as necesidades específicas dos menores máis vulnerables ante un contexto inédito.

A conselleira quixo, así mesmo, trasladar o seu agradecemento a todos os traballadores dos centros de menores “por afrontar cunha gran profesionalidade este ano, que ben sabemos que non foi doado”. Explicou que o seu labor diario é fundamental para o benestar e desenvolvemento de todas as rapazas e rapaces aos que protexen, educan, escoitan e dan cariño.

Equipamento, persoal e probas

Fabiola García tamén quixo salientar o bo comportamento dos menores que se encontran nestes centros, e que polas actuais restricións non poden ter as visitas e saídas habituais. A conselleira apuntou que a Xunta de Galicia achegou os recursos necesarios para cubrir as súas necesidades dotándoos de equipamento tecnolóxico; reforzando o persoal, sempre que foi necesario; e axilizando as probas en canto se detectou algún síntoma entre as rapazas e rapaces.

1,4 millóns de euros en actuacións

Ademais, a titular de Política Social incidiu en que o Goberno galego seguirá traballando para dotar aos centros de protección de menores da nosa comunidade dos mellores servizos. Deste xeito, a Xunta está a destinar 1,4 millóns de euros en obras de melloras que están en execución nos cinco centros de menores públicos autonómicos. Trátase de actuacións que buscan mellorar aspectos como o illamento térmico, a eficiencia enerxética, a iluminación e a comodidade de rapazas e rapaces.
 

Imaxes relacionadas