O conselleiro do Medio Rural, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde

A Xunta destina máis de 73.000 euros para o arranxo de infraestruturas rurais no concello de Castrelo de Miño

Esta contía corresponde ao Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) e ao Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, que teñen a finalidade de mellorar as principais vías de comunicación destas áreas rurais

Ourense, 9 de febreiro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio ourensán relativas ao agro. Neste senso, ambos dirixentes fixeron balance da contía destinada á mellora das infraestruturas rurais, que ascende a algo máis de 73.000 euros entre os anos 2020 e 2021.

Así, foi aprobada a obra de asfaltado de camiños nos núcleos da Bouza e Ramiras, dentro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) do ano 2020, unhas actuacións que se levarán a cabo ao longo deste exercicio. Neste senso, o conselleiro sinalou que estas subvencións están integramente financiadas con fondos propios da Consellería, co fin de axudar de forma urxente aos municipios con carencias en infraestruturas ou con mal estado das mesmas.

Doutra banda, o titular de Medio Rural lembrou que no Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022, o concello de Castrelo de Miño ten adxudicada unha contía de 33.500 euros. Estas achegas, sinalou o conselleiro, van destinadas a facilitarlles aos concellos galegos a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso a, cando menos, dúas parcelas agrícolas, incluíndo tanto actuacións que supoñan un incremento da largura da vía como un aumento da súa lonxitude se rematan nunha estrada ou noutro camiño.

Así mesmo, tamén se subvenciona o reforzo do firme, de noiros ou de cunetas, as obras de mellora da sinalización ou da drenaxe e a adecuación de traballos de paso de cursos fluviais, así como o mantemento do firme, a limpeza das marxes do camiño ou o reforzo dos terrapléns.

Nesta liña, José González destacou a importancia destes programas de subvencións para as administracións locais, que permiten mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais mediante o acondicionamento das súas principais vías de comunicación.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural